A Laracha vivirá este domingo a primeira edición do Carnaval de Verán organizado por ACSIL
A Asociación de Comercio, Servizos e Industria da Laracha (ACSIL), coa estreita colaboración do Concello da Laracha e da Deputación Provincial da Coruña, organiza a primeira edición do Carnaval de Verán que se vai desenvolver este domingo pola tarde na explanada do IES Agra de Leborís, en pleno centro do casco urbano da capital municipal.
Esta novidosa iniciativa, dirixida a todos os públicos (nenos e adultos), ten por obxectivo esencial crear e consolidar un evento festivo divertido e diferente para esta época do ano que permita promocionar o Concello da Laracha en xeral e, en particular, o sector servizos e o comercial do municipio.
O comezo do certame está previsto para as 19.00 horas cos desfiles das tres categorías: individual, grupos e comparsas, sen diferenciar entre adultos e infantil. O xurado, que será nomeado por ACSIL, estará formado por veciños da vila e tamén por asistentes ao evento que seleccionará a organización. Os criterios de valoración estarán relacionados coa orixinalidade, creatividade e a soltura e bo humor de cada participante.
As persoas que desexen participar no concurso deben formalizar a súa inscrición de 17.00 a 18.00 horas no baixo da biblioteca municipal.
En total repartiranse mil euros en premios para os tres mellores disfraces de cada unha das tres categorías. Ditos galardóns serán unha parte en metálico e, a outra, en cheques para gastar en calquera dos 35 establecementos, servizos e locais comerciais adheridos a ACSIL.
Neste ano 2013 ACSIL está a promover novidosos eventos de interese para o sector comercial larachés, con iniciativas que se organizan por primeira vez e tamén mantendo outras que funcionaron con éxito en cursos anteriores. Ademais do Carnaval de Verán, durante a Feira das Cereixas de Paiosaco celebrada na pasada fin de semana houbo o concurso de postres de sobremesa, con motivo do Día do Pai realizaron o certame de debuxo e a finais de setembro desenvolverase a primeira feira de mostras do Concello da Laracha.











