A Laracha incrementa as doazóns de sangue nun 9% con respecto ao ano pasado
Baixo o lema “Este verán salva vidas. O teu sangue é vida. Compártea” foi presentada hoxe no salón de Plenos da Laracha a campaña de verán de doazón de sangue, que desenvolverá, como cada ano, o Centro de Transfusión de Galicia (CTG) co impulso e a colaboración que se prestará desde o Concello.
José Manuel López Varela, Alcalde da Laracha, e Antonio Carcedo, responsable da unidade de promoción do CTG, presentaron en rolda de prensa a iniciativa acompañados por Elba Pillado, responsable de comunicación do CTG.
Como dato máis salientable, A Laracha presentou en 2012 a segunda taxa máis alta de doazóns da comarca de Bergantiños, alcanzado as 48 por cada mil habitantes e ano, índice que se atopa entre as recomendacións da Organización Mundial de Saúde (40-60 doazóns para cada mil habitantes e ano). O incremento con respecto ao curso anterior foi do nove por cento, unha cifra a ter en conta dado que en Galicia se rexistrou unha diminución de doazóns do un por cento. Tamén é interesante que no ano pasado houbo 31 novos doadores no municipio.
Neste sentido, Antonio Carcedo afirmou que “as cifras reflicten o resultado do esforzo realizado polo Concello da Laracha”, que desenvolve campañas informativas e realiza as tarefas de buzoneo repartindo unhas 1.200 cartas personalizadas. Tamén Elba Pillado agradeceu a labor de promoción que se leva a cabo desde a Casa Consistorial, así como as facilidades ofrecidas polos establecementos e locais comerciais: “todos os meses vimos á Laracha e temos a porta máis que aberta no Concello e tamén nos negocios particulares, onde nunca tivemos unha negativa para colocar os bandos e carteis informativas nin nos núcleos urbanos nin nas parroquias”.
José Manuel López Varela pediu á veciñanza en xeral que realice este “pequeno esforzo solidario e que se suban ao autobús do Centro de Transfusión de Galicia, porque iso significa salvar vidas e facilitar o normal desenvolvemento da actividade nos hospitais galegos”. O alcalde do Concello da Laracha anunciou que impulsará esta campaña facendo partícipes da súa promoción ás entidades e asociacións culturais e deportivas para chegar ao maior número de persoas posible.
O responsable da unidade de promoción do CTG afirmou que a ola de calor presente en Galicia nas dúas últimas semanas foi negativa para a doazón, polo que actualmente as reservas de todos os grupos sanguíneos están nun nivel baixo.
A época estival require dun esforzo extra debido a que aumenta a incerteza da necesidade de sangue nos centros médicos ante o incremento dos desprazamentos por estradas e, por tanto, das posibilidades de que se produzan accidentes de circulación que requiran de actuacións de urxencia.
Para ser doante soamente se require ser maior de idade, pesar máis de cincuenta quilos e ter unha saúde normal. Como precaucións a ter en conta, é preciso que transcorra un período de dúas horas despois de disfrutar dunha xornada de sol nas praias antes de realizar a doazón e, no caso de facela pola mañá, o doador debe ter almorzado previamente.
Co propósito de facilitar e promover a doazón de sangue no municipio, todos os meses do ano desprázase ata a Praza do Concello da Laracha unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia. O martes e o mércores da próxima semana estarán en horario de 10.00 a 14.00 pola mañá e de 16.00 a 21.00 pola tarde.
No mes de setembro, en datas aínda por concretar, estarán en Paiosaco e en Caión.











