A Laracha avanza na contratación da obra que inclúe melloras no campo de fútbol municipal de Paiosaco
A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha, reunida en sesión ordinaria, avanzou hoxe no proceso de contratación das obras que inclúen varias melloras no campo de fútbol municipal da Porta Santa (Paiosaco) analizando as propostas técnicas das ofertas presentadas. Na próxima semana, tras estudar as propostas económicas e facer a clasificación das mesmas, agárdase adxudicar o contrato.
O proxecto, valorado nuns 40.000 euros e que será cofinanciado pola Deputación Provincial da Coruña, contempla tres actuacións diferenciadas. Por unha parte será ampliada a cuberta do edificio dos vestiarios e pecharase por completo, con cristaleiras, a zona situada fronte á cantina, creando un novo espazo diáfano dunha superficie de 86 metros cadrados útiles que poderá ser utilizado para diversos usos, tales como local de reunións dos equipos ou sala de espera especialmente deseñada para que os pais dos nenos poidan resgardarse das condicións climáticas adversas durante a actividade deportiva.
Na zona das gradas instalaranse, sobre o formigón, asentos plásticos de respaldo baixo e realizaranse melloras dirixidas a cortar o paso do vento para favorecer as condicións térmicas e facer o lugar máis agradable para o público asistente.
Por último, o local de atención ao público (taquilla) será cuberto e integrarase no interior do recinto deportivo, para o que será necesario realizar unha pequena modificación no muro xunto á entrada principal.
No campo de fútbol municipal da Porta Santa realizan os seus adestramentos e xogan os encontros como locais tanto a U.D. Paiosaco –incluídas as súas categorías inferiores- como o Club do Mar de Caión, ademais de acoller eventos e torneos organizados desde o propio Concello da Laracha.
Plan especial de infraestruturas de saneamento e abastecemento
Tal e como estaba previsto, foi aprobado con carácter inicial o Plan especial de infraestruturas de saneamento e abastecemento de auga, un que documento urbanístico que ordena as instalacións actualmente existentes e as futuras que se van construír para garantir a correcta prestación destes servizos á poboación. Nese sentido, o propio Plan propón as ampliacións da EDAR do Formigueiro, da ETAP de Gabenlle e a creación dun novo depósito de cabeceira en Golmar.
Unha vez aprobado o Plan pola Xunta de Goberno, será publicado nos diarios oficiais e abrirase un período de exposición pública. A continuación, requirirase dos correspondentes acordos plenarios para a elevar a aprobación a definitiva.
Subvención actividades dirixidas á xuventude
Na sesión deuse o visto bo á solicitude de subvención á Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia ao abeiro da convocatoria de subvencións para a realización de actividades dirixidas á xuventude, a promoción da información xuvenil e a incorporación da xuventude ás novas tecnoloxías.
Con cargo a esta liña de axudas o Concello da Laracha propón cofinanciar os gastos derivados do funcionamento, ao longo de todo o ano, da Oficina Municipal de Información Xuvenil e da organización de actividades tanto no verán (especialmente, os campamentos) como as que se inclúen no programa de inverno.
Facturas
Por último, aprobáronse facturas de gastos por un importe duns 63.000 euros, incluídas as correspondentes ao último trimestre da prestación do servizo integral de abastecemento, saneamento e depuración de auga (presentada Aquagest), o canon á concesionaria tamén nese mesmo período e a presentada por Sogama referida ao tratamento de residuos sólidos urbanos durante o pasado mes de xuño.











