A Festa do Pulpo do Carballiño xa conta co cartel oficial da súa LI edición

Presentación do cartaz da LI Festa do Pulpo
Un ano máis, e como apuntaba o alcalde do Carballiño “esperemos que por moito tempo”, Felipe Senén foi o encargado de realizar o cartel oficial da Festa do Pulpo do Carballiño, cumprindo este ano a súa LI edición. O cartel, co selo inequívoco de Felipe Senén, recupera signos doutros anos, como a frase “para carne pan, polbo ou viño O Carballiño”, con referencias á Veracruz, con fondo azul atractivo para a vista.
Argimiro Marnotes agradeceu a nova colaboración do autor sinalando que “coa presentación deste cartel iniciamos a conta atrás para a celebración da nosa festa”, unha festa que, tal e como sinalaba o alcalde “non” podería chegar ata onde chegou, considerada xa como festa de interese nacional, se non fose polos colaboradores que sempre confiaron nela como expositor dos seus produtos”.
Estes colaboradores, presentes na rolda de prensa, son Coca-Cola, Aceites Abril, Pan de Cea, Estrela Galicia, Extramundi, e como non podía ser doutra forma, a asociación de pulpeiros de Arcos, a Xunta de Galicia, Deputación de Ourense, e o padroado municipal de Turismo.
Todos os colaboradores destacaron que a Festa do Pulpo é dos mellores escaparates que se poden encontrar nestes momentos en Galicia para publicitar os seus distintos produtos.
En total imprimíronse 1.500 carteis, que serán repartidos por toda Galicia, ademais do apoio das novas tecnoloxías como twitter (ccarballino), Facebook, ou a páxina web do concello (www.carballino.org).
Son moitas as persoas que agardan a presentación do cartel da Festa do Pulpo, que se converteu xa nunha auténtica peza de coleccionistas.











