A Festa do Polbo do Carballiño convértese en marca rexistrada

Presentación de “Octavio”
O alcalde do Carballiño, acompañado pola edil de Turismo, presentaron hoxe a marca oficial Festa do Pulpo do Carballiño, así como o seu logotipo “Octavio”. Argimiro Marnotes sinalaba que “hoxe estamos ante un punto de inflexión en todo o relacionado coa festa do polbo. Dende hoxe xa é unha marca rexistrada e só pode existir unha Festa do Polbo do Carballiño, sen que ninguén, sen ter o permiso do concello, poderá usar. Así mesmo poderase iniciar xa unha campaña de mercado e venda de numerosos produtos con esta marca, o que supoñerá unha forma de ingresos para a nosa festa”.
Xunto co certificado de rexistro destas dúas marcas, Festa do Polbo do Carballiño e Octavio, presentouse o libro de estilo, onde se recolle a forma en como se deben usar estes logotipos para realizar a publicidade en distintos soportes como camisetas, cuncas, bolígrafos, ” e aberto a todos os produtos onde se poida realizar a difusión da nosa festa e da súa mascota oficial”.
Xunto ao alcalde e á edil de Turismo estaba o presidente do Centro Comercial Aberto do Carballiño, aos que se lles brindou a posibilidade de iniciar a venda destes produtos co logo oficial da Festa do Polbo do Carballiño. Julián Garriga agradeceu este xesto do concello para co comercio da vila.











