A Festa do Pan do Salnés cerra a súa programación e anuncia cartel gañador

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaRibadumia
A-
A+

A Concellería de Cultura de Ribadumia ten practicamente pechada a programación da Festa do Pan do Salnés que se celebra o próximo sábado 10 de agosto, celebración para a que xa foi elixido o cartel que a promocionará en toda a provincia. Para facer esta elección, o Concello de Ribadumia convocou a XII edición do concurso de carteis que este ano gañou José Ramón Martínez Castro. , baixo o título “Muiños, moenda e Pan”.

O xurado valorou entre os cinco carteis presentados ao concurso a orixinalidade da proposta gañadora así como o feito de resaltar dun xeito apropiado a tradición da moenda no municipio e o proceso de elaboración do pan. A entrega do premio, que ascende a 150 euros, farase o propio día da festa.

En canto á programación da festa, a concelleira de Cultura Susana Fandiño vén traballando nela nas derradeiras semanas. De feito, xa practicamente está pechada repetindo como escenarios a Carballeira de Ribadumia e os Muíños do Batán. A concelleira resalta “o interese que espertan ámbolos dous espacios entre o público asistente á festa, xa que combinan a tradición e o patrimonio dos muíños cunha rica área natural”. Nesta programación ademais das actuacións que amenizaran a xornada, a concellería de Cultura quere promover a participación dos mais pequenos coa realización de actividades e obradoiros relacionadas co pan.

Ao igual que en anos anteriores, tamén se incluirán os concursos de postres caseiros e de empanadas. No primeiro caso, todos os postres presentados deberán levar o pan como un dos seus ingredientes. Entregaranse o propio día da festa, entre as 17.00 e as 19.00 horas na Casa da Cultura de Ribadumia. O primeiro clasificado gañará cen euros, mentres que o premio para o segundo será un trofeo.

No que respecta á cuarta edición do concurso de empanadas, as bases recollen que deben estar elaboradas con fariña de millo, sendo de libre elección os ingredientes de recheo. Cada participante pode entregar como máximo unha empanada, o día da festa na Casa da Cultura de Ribadumia. Os premios son de 150 euros para o primeiro clasificado e un trofeo, para o segundo.

28 de xullo de 2013 | 06:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.