A Feira de Mestres Artesáns de Cedeira inaugurase mañá no casco histórico
Turistas e veciños teñen dende mañá xoves unha cita ineludible no casco histórico de Cedeira. Alí inaugurarase, a partir das 11 horas, a Feira de Mestres Artesáns.
Organizada pola Concellaría de Promoción Turística que dirixe Luis Rubido, a cita prolongarase ata o domingo, día 7, en horario de mañá (ata as 14 horas) e de tarde (de 18 horas en adiante). Unha vintena de creadores procedentes de diferentes puntos da xeografía española tomarán parte nunha Feira na que, a diferenza con outras citas destas características, os artesáns producirán os seus artigos en vivo e en directo, permitindo ao público seguir o proceso. A excepción darase nos produtos gastronómicos, que en todo caso terán acreditada a súa calidade
coa Carta de Produto Artesán. Ademais da oferta culinaria, as persoas que visiten a feira poderán encontrarse tamén con todo tipo de produtos de artesanía. Dende cadros ata cerámica, pasando por ourivaría ou coiro.
Nesta liña, o concelleiro Luis Rubido tamén explicou que Cedeira se converterá así no punto de partida dunha Ruta que levará aos Mestres Artesáns por toda a Comunidade galega e, máis concretamente, por catorce municipios da costa. Por último, dende a Concellaría de Promoción Turística e Cultura, invítase a veciños e visitantes a gozar desta proposta novidosa.











