A Escola e a Banda de Música de Vilagarcía comezan unha serie de concertos de “contos musicados” este venres
Os alumnos da Escola Municipal de Música e a Banda Municipal inician este venres, 26, ás 21,00 horas, na rúa de Castelao unha serie de concertos que baixo o título de “Contos musicados” chegará ao 14 de agosto. A actividade, promovida pola Concellería de Educación, que dirixe Rocío Llovo, ten por obxectivo achegar o mundo da música aos máis pequenos, nun espectáculo pensado para toda a familia, ao tempo que difundir a actividade que realizan tanto a Escola coma a Banda.
O primeiro concerto será este venres, día 26, na rúa de Castelao. Estará interpretado pola Escola de Música “Bernardo del Río” e leva por título “Xián e Antía”. O segundo será o 1 de agosto, tamén ás 21,00 horas e na mesma rúa de Castelao: “El Quijote” e “El pequeño Rugier”, ambos interpretados pola Banda de Música. A mesma formación ofrecerá, o día 14 de agosto, en plenas festas de San Roque, o terceiro concerto, “Los músicos de Bremen”, orixinal de Angelo Sormani. Será na rúa Rey Daviña, ás 21,00 horas.











