A Deputación da Coruña investirá 116.000 euros no cofinanciamento de actuacións no Concello de Ames
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinou co alcalde de Ames, Santiago Amor, un total de catro convenios que, entre todos, suman unha achega provincial de 116.153,15 euros.
O primeiro acordo servirá para levar a cabo as obras de reparación nas vías e camiños interiores en Ortoñiño, na parroquia de Ortoño. O investimento da Deputación da Coruña para estas actuacións será de 53.600,89 euros, o que supón un 78,06% dun orzamento que alcanzará os 68.664,97% euros.
Outro dos convenios dirixirase a financiar as obras de pintado interior do pavillón de Milladoiro, nas que a institución provincial investirá un total de 11.950,73 euros, cantidade que supón o 78,061% do orzamento total que ascende a 15.309,38 euros.
Tamén grazas a estas firmas financiaranse as actuacións nos colexios e comedores escolares do concello. Neste caso, a achega provincial será de 38.452,82 euros, o 78,061% dun orzamento total de 49.225,07 euros. Neste convenio inclúense melloras no CEIP Barouta, o CEIP A Maía e o CEIP Agro do Muíño.
Por último, a institución provincial investirá 12.148,71 euros nas obras de mantemento e mellora enerxética na escola infantil municipal O Bosque, asumindo a Deputación o 78,061% do custo total. As actuacións servirán para resolver algunhas deficiencias existentes nesta escola, cambiando o teito no patio central de xogos, modificando a instalación de calefacción e colocación de termóstatos, controladores ou reguladores dixitais e, tamén, o pintado de fachadas.











