A Deputación da Coruña colabora con 10.000 euros nas xornadas para emprendedores de Feaga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaProvincias
A-
A+
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinou esta mañá un convenio de colaboración coa Federación de Autónomos de Galicia (Feaga) co fin de financiar as xornadas divulgativas sobre o apoio a iniciativas emprendedoras da provincia da Coruña.

A través deste convenio, a Federación porá en marcha dez xornadas que terán lugar entre setembro e outubro nos concellos de Muros, Arzúa, Carballo, Melide, Pontedeume, A Coruña, Bembibre-Val do Dubra, Sada, Betanzos e Cedeira.

A institución provincial apoia estas xornadas co financiamento dos gastos de aluguer das instalacións, a documentación, edición e deseño de material, así como os elementos audiovisuais.

Na sinatura, na que representou á entidade o seu presidente Francisco Javier Pérez, formalízase a achega que a institución provincial realizará para este proxecto e que ascende a 10.000 euros. A cifra subministrada pola Deputación cubrirá o 69,44% do orzamento total previsto para este programa (14.400 euros).

Tras a sinatura, Calvo recalcou “a importancia das iniciativas emprendedoras para a economía e a sociedade” e cualificou de “orgullo” a colaboración da Deputación da Coruña en xornadas que incentiven esta fórmula de crear emprego.

Pola súa banda, o presidente de Feaga mostrouse agradecido polo espaldarazo provincial ao proxecto desenvolvido pola Federación, unha colaboración que xa leva anos.

A Federación de Autónomos de Galicia, que celebrou recentemente o 25 aniversario da súa creación, é unha organización sen ánimo de lucro composta por máis de 50 asociacións de toda Galicia. No seu conxunto, representa a máis de 20.000 autónomos da provincia da Coruña.

4 de xullo de 2013 | 20:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.