A Coruña solicita a Fomento a titularidade dos viais que acceden ao Materno Infantil para construír o párking

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Goberno local presentará ao pleno para a súa aprobación o expediente que recolle a solicitude que se remitirá ao Ministerio de Fomento para que ceda a titularidade dos viais que comunican o Hospital Materno Infantil coa avenida da Pasaxe. Este acordo é un paso previo indispensable para a futura construción do aparcadoiro, que será executado a través da Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (EMVSA) e que contará con capacidade para preto de 500 vehículos.

O Concello solicitará o Ministerio de Fomento que lle ceda a titularidade dos dous viais, tanto de acceso coma de saída do Hospital Materno Infantil, que comunican este centro sanitario das Xubias coa avenida da Pasaxe. O Goberno municipal destaca que esta decisión se adopta sobre a base do clima de diálogo e entendemento existente entre ambas as dúas administracións e a que é un trámite necesario para continuar con todo o expediente previo á construción do aparcadoiro no Materno Infantil.

A execución deste párking permitirá responder a unha vella demanda das persoas que se achegan ata este hospital, posto que na actualidade existe unha carencia importante de prazas de aparcadoiro na zona.

O Concello, a través de EMVSA, desenvolve dous grandes proxectos que, cun investimento próximo aos 5 millóns de euros, resolverán os problemas de mobilidade en puntos estratéxicos da cidade -Hospital Materno Infantil e praza Das conchiñas- grazas á posta a disposición dos cidadáns de preto de 700 prazas. No primeiro caso, a previsión inicial é construír 496 prazas, das que 21 serán para persoas con mobilidade reducida. O presuposto reservado para esta obra é de 2,5 millóns de euros, incluídas as expropiacións necesarias.

EMVSA tamén se encarga da construción do párking da praza das Conchiñas, unha obra que se está a executar a bo ritmo e que permitirá ademais a reurbanización do ámbito. Con esta actuación, o Concello responde a outra demanda histórica dos veciños e comerciantes do barrio, que levan anos solicitando unha solución ao problema de estacionamento nesta zona na que a maior parte de edificios carece de garaxe propio. Este proxecto supón un investimento de 2,2 millóns de euros. O novo aparcadoiro Das conchiñas poñerá a disposición dos veciños 185 prazas, das que 12 se reservan para persoas con mobilidade reducida: 114 en réxime de rotación e 71 en réxime de concesión a 50 anos.

5 de xullo de 2013 | 11:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.