A Coruña pon en marcha un operativo especial para a celebración da Feira das Marabillas
O Concello da Coruña informa de que, con motivo das actividades que entre o 23 e o 28 de xullo se van levar a cabo dentro da XIX Feira das Marabillas, ponse en marcha un operativo de seguridade, tráfico e limpeza co fin de garantir o axeitado transcurso da celebración.
O luns 22 ás 07.00 horas cortarase o tráfico na Cidade Vella e estará prohibido estacionar na zona ata as 24.00 horas do día 29 co fin de permitir tanto a instalación e desmontaxe de postos coma a limpeza das rúas e prazas tras a celebración da Feira das Marabillas.
Reservarase o Paseo Francisco Vázquez entre a rúa Veramar e a incorporación dende o Paseo do Metrosidero; así como unha zona na avenida do Metrosidero, como aparcadoiros alternativos para os veciños. Para acceder a eles os usuarios terán que posuír acreditacións que deberán estar visibles nos parabrisas.
Tanto os veciños que teñan acreditación para garaxes coma os provedores de servizos e repartición poderán acceder á Cidade Vella dende o peche do mercado ata as 11.00 horas e dende as 14.00 ás 17.30 horas. Só poderán acceder estes vehículos nas horas e percorridos previstos para entrada e saída de coches, aínda que quedará un espazo libre de circulación ao lado do lateral de Capitanía na praza do Parrote libre de vehículos e postos. Calquera solicitude para acceder durante estes días á Cidade Vella con motivo de mudanzas, traslados, vodas… deberá ser solicitada a través do 010.
Ademais da Policía Local, neste operativo participará Protección Civil con 4 voluntarios en quenda de mañá e 8 en quenda de tarde, noite, festivos e véspera de festivo. O seu papel consistirá en comprobar que os accesos están pechados e que non hai vehículos entorpecendo as vías de evacuación e acceso. Colaborarán neste sentido coa Policía Local, pero tamén con Cruz Vermella e velarán polo cumprimento das medidas de seguridade nos diferentes postos. Tamén se sumará unha dotación formada por 4 bombeiros que estarán de 20.00 a 00.00 horas nesta zona.
Ademais, do 22 ao 29 de xullo, a cabeceira da parada de taxis de Porta Real adiantarase uns metros cara á parada de autobús. Tamén se habilitará espazo de parada no Paseo de Dársena en paralelo á situación actual e ao lado do quiosco polo que se eliminarán, de forma provisional, catro prazas de aparcadoiro en liña.
Limpeza
En canto ao dispositivo de limpeza, entre o 23 e o 28 de xullo, estará formado por 3 operarios de varrido manual, unha varredora e unha baldeadora. Tras a feira medieval, o Plan RUA chegará a esta zona do 29 ao 31 de xullo para realizar traballos de limpeza e mantemento de espazos públicos que, no caso do día 29 (ao finalizar a Feira das Marabillas e aproveitando que se mantén o corte de tráfico para a limpeza), veranse reforzados.
Os residentes e usuarios da Cidade Vella terán á súa disposición un total de 49 colectores de 800 litros e 17 de 120 litros para residuos inorgánicos; e 26 colectores de 240 litros e 11 de 120 litros para residuos orgánicos. A limpeza será a ordinaria con dobre limpeza en festivos e fins de semana.
O Concello da Coruña lamenta as molestias que estas medidas poidan causar a veciños e cidadáns e solicítalles a súa colaboración para manter a Cidade Vella en perfectas condicións de limpeza e para facilitar a fuidez do tráfico.











