A Coruña incrementa o número de socorristas ante a afluencia de bañistas aos areais pola alerta de calor
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Seguridade Cidadá que dirixe Julio Flores, informa de que o Servizo de Salvamento e Socorrismo contará con 6 efectivos máis este fin de semana para incrementar a prevención dos areais, ante a afluencia de usuarios que se espera debido á onda de calor. O Goberno local aconsella aos bañistas que atendan en todo momento as recomendacións dos socorristas, así como tamén os avisos que se dean por megafonía.
Ante as altas temperaturas que se esperan, o Servizo de Salvamento e Socorrismo recomenda extremar a prevención para que a xornada transcorra sen incidencias e aconsella:
– Bañarse con frecuencia, para diminuír a temperatura corporal e evitar así lipotimias e posibles mareos.
– Aumentar a hidratación, aínda que non se teña sede.
– Evitar as horas de maior intensidade solar.
– Utilizar continuamente cremas solares de alto grao de protección
– Non realizar exercicio físico.
– Evitar as comidas abundantes antes de bañarse.
– Entrar na auga de forma progresiva.
– Non se bañar en caso de fatiga ou cansazo.
A área de Seguridade Ciudadana insta os bañistas a que avisen os socorristas ante calquera incidente que se produza na praia.











