A Coruña elabora un plan director para a proxección do polígono da Grela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+
Presentación do plan

Presentación do plan

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, asistiu esta mañá á presentación das actividades que se celebran con motivo do 40 aniversario da Asociación de Empresarios de Agrela e dos 50 anos deste polígono industrial, unha “peza estratéxica no desenvolvemento económico e laboral” da cidade e a área metropolitana. Por este motivo, o rexedor destacou que o Concello traballa na elaboración dun plan director que permita obter unha radiografía completa deste parque empresarial e ofrecer respostas para a súa proxección no futuro.

“Todos estamos a unha, dende a Xunta, a Deputación e o Concello, apoiando o que é e o que vai seguir significando o polígono da Grela: unha peza absolutamente esencial no desenvolvemento económico e laboral da cidade; unha peza singular de Galicia e un privilexio auténtico para a cidade”, destacou o alcalde sobre A Grela, onde operan 550 empresas e traballan máis de 12.000 persoas.

Froito deste compromiso municipal co polígono, Negreira avanzou que o Concello, a través da área de Urbanismo, elabora un plan director para A Grela e que estará trazado a finais de ano. O alcalde explicou que este documento permitirá obter unha “visión global” do polígono para “proxectalo como se merece” dende o punto de vista da mobilidade, do uso das enerxías alternativas e para ofrecer unha imaxe urbana. Ademais, o Goberno local contará cun inventario das parcelas municipais existentes na Grela, o que favorecerá o obxectivo de complementar a oferta industrial e de servizos que existe na actualidade.

“A Grela é unha parte integrante da Coruña, queremos que sexa un barrio máis da cidade”, concretou Negreira, quen engadiu que A Grela é un punto estratéxico na conexión da Coruña coa área metropolitana e con Galicia grazas á A-6, a AG-55 e á Terceira Rolda, que se encontra en fase de construción.

O alcalde afirmou que o actual equipo de goberno manterá a súa “vocación de diálogo permanente” cos empresarios do polígono e a súa aposta por mellorar “día a día” as infraestruturas -como o investimento de preto dun millón de euros na reforma de Galileo Galilei- e por colaborar en todos aqueles equipamentos que se executen na zona -como a escola infantil- que contribúan a mellorar tanto o polígono coma a calidade de vida dos seus traballadores -conciliación da vida familiar e laboral-. Por último, Negreira agradeceu á asociación de empresarios a súa implicación na mellora da cidade. Neste sentido, puxo como exemplo as súas achegas ao proxecto Coruña Futura.

16 de xullo de 2013 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.