A Coruña destina 120.000 euros ao Instituto Benéfico Social Padre Rubinos
O concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, visitou a sede do Instituto Benéfico Social Padre Rubinos, entidade coa que existe un compromiso firme de colaboración do actual equipo de goberno. Neste sentido, o Concello da Coruña, a través da Concellaría de Servizos Sociais, destina 120.000 euros á institución que preside Eduardo Aceña a través dun convenio que ten como finalidade apoiar o programa Calor e Café.
Este servizo denominado Calor e Café ofrece pernoctacións, descansos e almorzos ás persoas que dispoñen de menos recursos e súmase á colaboración que o Concello e a entidade manteñen noutros programas como o de acollemento temporal de persoas sen fogar, onde o Goberno local investiu 250.000 euros en 2013, o que supón un incremento do 26% con respecto a 2011, cando se dedicaron 198.000 euros.
O convenio con Padre Rubinos é unha nova mostra da aposta que o Goberno local está a facer, nos últimos dous anos, na área de Servizos Sociais e que supuxo, neste tempo, un incremento de case o 58% nas cantidades destinadas a entidades que desenvolven o seu labor social na cidade e que complementan as accións realizadas dende o Concello.











