A Coruña destina 10,2 millóns de euros a programas sociais, a promoción da cidade e mellora da accesibilidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Goberno local aprobará de xeito definitivo no pleno do próximo xoves, 11 de xullo, un modificativo de crédito por valor de 10,2 millóns de euros que xa obtiveron o visto e prace inicial na sesión plenaria celebrada hai un mes. Con este forte investimento, o Concello pode fortalecer o seu compromiso con cinco dos seus eixes fundamentais: blindar o gasto social, fomentar a accesibilidade, mellorar a calidade de vida diaria das persoas, promover e dinamizar a cidade, e por impulsar o deporte base.

Este esforzo investidor contribúe a desenvolver unha cidade máis social, con máis emprego, máis dinámica e participativa, e máis atractiva, polo que o Concello lamenta que a oposición presente alegacións co único obxectivo de atrasar e obstruír a súa aprobación, xa que ningunha das súas reclamacións se axusta aos preceptos que marca a lei, achegan nada á cidade, sen criterio nin económico nin político e sen cobertura legal.

Máis da metade do modificativo do presuposto municipal finánciase con remanente líquido de tesouraría (5,2 millóns de euros), ao que se suman baixas de crédito, como por exemplo a redución en 423.000 euros dos gastos do capítulo I de persoal debido ao aforro producido por xubilacións e subvencións; a redución dun millón de euros polo aforro logrado a través das baixas nas adxudicacións realizadas durante o primeiro semestre do exercicio; e a supresión da partida de 300.000 euros para o convenio da antiga prisión provincial ao entender o Concello que non será necesario realizar este pagamento en 2013 -o pleno aprobou por unanimidade unha moción do PP para negociar un novo convenio-.

O modificativo ratifica os presupostos de 2013 como os máis sociais da historia e consolida a aposta municipal en proxectos estratéxicos que blindan o gasto social, fomentan a accesibilidade, melloran a calidade de vida das persoas, promoven e dinamizan a cidade, e impulsan o deporte base:

. 1,33 millóns para a promoción da cidade a través das compañías aéreas que operan dende Alvedro. Ratifica o acordo asinado polo alcalde, Carlos Negreira, con Globalia para potenciar a presenza da Coruña a nivel nacional e internacional grazas á conectividade que ofrece Air Europa dende Alvedro, con 1.000 destinos nacionais, europeos e intercontinentais.

. 1,2 millóns para programas de rehabilitación e modernización de espazos públicos. O Goberno local aumenta en 750.000 euros as subvencións á mellora da accesibilidade, o que garante contar co presuposto necesario para pagar todas as axudas á colocación de ascensores que se certifiquen ao longo deste ano. Con este investimento, o Concello alcanza os 1,65 millóns de euros para a instalación de ascensores. A maiores, o presuposto municipal incrementa en 300.000 euros o seu programa de rehabilitación de espazos públicos e 180.000 euros para subvencións de rehabilitación de vivendas. Este compromiso municipal permitiu en 2012 triplicar o número de pisos subvencionados: 4.423 fronte ás 1.366 vivendas de 2011.

. 900.000 euros para dinamización e participación cidadá a través de actividades socioculturais. O éxito as festas de San Juan, Nadal ou María Pita, que en 2012 sacaron á rúa a 4 millóns de persoas, son exemplos de como posicionar A Coruña e convertela nun referente.

. 350.000 euros para convenios con entidades deportivas e sociais e plans de atención aos máis necesitados. O Goberno municipal incrementa en 60.000 euros o investimento en Emerxencia Social -desta forma, con 720.000 euros, triplícase a contía de 2011- e en 92.000 euros a partida para a colaboración con 20 entidades sociais que traballan a diario coas persoas que máis o necesitan. Neste modificativo tamén se volve apostar polo deporte base, con 197.000 euros para convenios de colaboración con entidades da cidade.

. 285.000 euros para dinamización comercial e fomentar iniciativas empresariais: 140.000 euros para un protocolo de colaboración con Cámara de Comercio e Fundación Instituto Cameral para a creación e desenvolvemento de viveiros de empresa; 60.000 euros para un convenio coa Asociación de Mozos Empresarios para converter o centro comercial do Ventorrillo nun centro de actividades e emprendimiento; e 85.000 euros para un convenio coa Asociación de Comerciantes e Emprendedores de Galicia para fomentar a cultura emprendedora.

NOVAS HERDANZAS

O Executivo municipal logrou poñer o contador a cero, pagando todas as facturas aos seus provedores en tempo e forma. Ademais, neste modificativo tamén se enfronta a indemnizacións por valor de 886.872 euros, procedentes da nefasta xestión de anteriores responsables e que nunca se recolleron nos presupostos:

. 381.109 euros para obras que se realizaron a maiores no mercado de Elviña, que non se presupostaron.

. 290.265 euros para sentenzas urbanísticas.

. 145.498 euros de indemnización a un taxista por non lle conceder unha licenza.

. 70.000 euros de indemnización por erros na execución de obras públicas Nos rosales afectando a un local comercial.

6 de xullo de 2013 | 15:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.