A Coruña decreta 7 días de loito e convoca unha concentración na praza de María Pita

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O alcalde, Carlos Negreira, acompañado polo tenente de alcalde de Seguridade, Xullo Flores, e o concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, informou que o Concello ha decretado 7 días de loito oficial e uniuse á convocatoria da Fegamp cunha concentración mañá ás 12.00 horas na Praza de María en solidariedade coas vítimas e feridos, e os seus familiares e amigos. “Ademais todos os servizos de urxencias, así como o equipo de Servizos Sociais, continúan en alerta para actuar no caso de que así nolo soliciten”, destacou o alcalde.

O regidor tamén explicou o dispositivo especial organizado onte desde as 21.00 horas polo Concello, en coordinación coa Xunta de Galicia, na Estación de Ferrocarril de San Cristóbal para atender ás familias dos viaxeiros do tren accidentado en Santiago de Compostela.

En concreto, no dispositivo especial, coordinado polo alcalde e o tenente de alcalde, participaron 62 persoas e 16 vehículos, estando operativo ata as 03.45 horas. O posto de mando estableceuse na Comisaría da Policía Nacional da propia estación de San Cristóbal, en contacto permanente con Xunta de Galicia, a través do 112, co Corpo Nacional de Policía de Santiago e con ADIF, que puxo a disposición do dispositivo toda a infraestructura necesaria da estación.

A devandita estación desprazáronse os seguintes medios humanos:
– 10 membros de Policía Local.
– 25 membros de Protección Civil.
– 5 membros do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento.
– 8 psicólogos (4 por parte do Concello e 4 de Cruz Vermella).
– 8 persoas de persoal sanitario de Cruz Vermella.
– 4 persoas do 061.
– 1 médico e 1 ATS.

Estes efectivos contaron cos seguintes medios materiais:
– 3 ambulancias.
– 6 vehículos de apoio (Protección Civil, Cruz Vermella e SEIS).
– 6 vehículos radiopatrulla de Policía Local.
– Remolque de atención inmediata de Cruz Vermella.

“O dispositivo atendeu a un total de 37 familias, a unhas 100 persoas, que se trasladaron ata a estación para pedir información sobre os seus familiares”, explicou o alcalde e engadiu: “Quero agradecer o extraordinario labor de todos os profesionais que formaron o dispositivo. Tamén quero destacar a solidariedade de todos os coruñeses e galegos que unha vez máis estiveron á altura; e, sobre todo, quero expresar o meu máis profunda solidariedade coas familias das vítimas e trasladar toda a miña enerxía aos feridos para que se recuperen canto antes”.

O alcalde tamén informou de que o Hospital Universitario da Coruña atendeu a 8 das persoas accidentadas das que 3 xa foron dadas de alta, 4 continúan estables e 1 con pronóstico reservado.

25 de xullo de 2013 | 15:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.