A Coruña asinará un convenio coa Xunta para impulsar a Oficina Municipal de Rehabilitación

Xunta de Goberno Local
A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a firma dun convenio coa Xunta para que colabore no financiamento da Oficina de Rehabilitación, que se converteu nesta lexislatura nunha peza clave no asesoramento dos coruñeses, sobre todo no que se refire ao programa de axudas para a instalación de ascensores. Froito deste clima de diálogo institucional, na sesión de hoxe tamén se autorizou aboar os 4,9 millóns de euros pactados co Executivo autonómico en 2009 -durante a etapa dos gobernos bipartitos- para financiar a construción dun terceiro nivel na rotonda da Grela, dentro das obras da Terceira Rolda.
REHABILITACIÓN
O Concello autorizou a firma dun convenio de colaboración co Instituto Galego de Vivenda e Só (IGVS) para que este departamento autonómico financie os gastos de mantemento da Oficina Municipal de Rehabilitación, o que á súa vez favorecerá o impulso da súa actividade.
O acordo enmárcase dentro do clima de diálogo e de colaboración institucional existente entre o Concello e a Xunta. Grazas a este novo convenio, o Instituto Galego de Vivenda e Só financia ata o 60% dos gastos da Oficina de Rehabilitación, cun límite máximo de 25.806 euros.
Flores recordou que a Oficina de Rehabilitación recibiu este ano solicitudes para executar obras en 3.735 vivendas, un 7,7% máis que en 2012, grazas sobre todo ás peticións para a instalación de ascensores, así como para reformas de elementos comúns, de habitabilidade e para locais comerciais. “En 2013 imos destinar 1,65 millóns a axudar ás comunidades de veciños a instalar ascensores nos edificios que non teñen este servizo básico”, e continuou “entre 2012 e 2013 imos poder axudar a que se instalen ascensores en máis de 300 edificios da cidade, o que repercutirá nunha mellor accesibilidade de máis de 4.000 vivendas e vai mellorar a calidade de vida de máis de 12.000 veciños”.
O Concello recolleu nos seus presupostos de 2013, como xa aconteceu o ano pasado, máis de 3 millóns de euros para programas de rehabilitación, ademais de continuar cos plans de reforma do Casco Histórico, ou Birloque, Mariñeiros, Sagrada Familia e o Grupo de Vivendas de Santa Cristina (Palavea), con 1,5 millóns.
A concesión de axudas á rehabilitación cumpre ademais un segundo obxectivo: a reactivación de pequenas e medianas empresas vinculadas co sector da construción e a xeración de emprego. Julio Flores puxo como exemplo os
2,6 millóns de euros que o Concello outorgou en subvencións en 2012, incluídos os 866.000 euros para áreas como O Birloque, Mariñeiros, Sagrada Familia e o Grupo de Vivendas de Santa Cristina.
TERCEIRA ROLDA
A Xunta de Goberno Local aprobou a solicitude da Xunta de Galicia para aboar os 4,9 millóns de euros comprometidos para a Terceira Rolda no convenio asinado polas dúas administracións na pasada lexislatura -en concreto, en abril de 2009-. O Concello atende así un trámite requirido pola Intervención Municipal e paga á Axencia Galega de Infraestruturas o investimento correspondente á obra xa realizada do terceiro nivel da rotonda da Grela. “Foron os propios promotores do centro comercial Marineda City que sufragaron este investimento no seu día, pero o bipartito municipal non realizou o trámite administrativo de autorizar o pagamento desta obra á Xunta de Galicia”
Julio Flores explicou que o acordo aprobado hoxe pola Xunta de Goberno significa ratificar o convenio de 2009 e, polo tanto, aboar á Xunta os 4,9 millóns de euros achegados no seu día polos empresarios para executar esta ampliación no proxecto da Terceira Rolda, unha obra que xa está finalizada e posta en servizo.
O voceiro recordou que este acordo se suma ao expediente do que se informou onte no pleno e no que se recollen modificacións técnicas na Terceira Rolda que se axustan ás solicitudes dos veciños do tramo entre Lonzas e
A Zapateira, unha solución que se traslada agora ao Ministerio de Fomento para que a inclúa nunha addenda ao convenio. O Goberno local logrou así melloras que humanizarán a obra e permitirá unha mellor conexión entre os barrios de Elviña e O Birloque a través das avenidas de Glasgow e Pablo Picasso.
Flores destacou o clima de diálogo existente entre a área de Infraestruturas que dirixe Martín Fernández Prado e os veciños. O voceiro municipal indicou que o tenente de alcalde, que xa se reunira cos residentes destes barrios para coñecer as súas propostas, se entrevistará de novo cos veciños de O Birloque, Elviña e Novo Mesoiro para informalos das melloras introducidas no proxecto e escoitar as súas propostas.
Os veciños teñen claro que o Goberno municipal quere buscar solucións ao que outros gobernos tiñan que ter resolto hai anos. Agora existe unha colaboración máxima, fronte ao engano que sufriron na pasada lexislatura, cando se afirmou que o tramo de Lonzas-A Zapateira estaría rematado en 2012 e se lle ocultou aos veciños que o nó de Lonzas partía pola metade os barrios de Elviña e O Birloque”, indicou o voceiro municipal.
LICENZAS URBANÍSTICAS
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a concesión de licenzas urbanísticas que supoñerán un investimento na cidade de 1,7 millóns de euros, o que eleva a cantidade final dende o inicio do mandato ata os 250 millóns.
Entre os expedientes tramitados, destacan as autorizacións para instalar ascensores en catro inmobles: na avenida de Arteixo e nas rúas Abegondo, Tulipáns e Rosas. Neste último caso, ademais deste permiso, o Concello concedeu á comunidade de propietarios unha concesión demanial gratuíta para que ocupen chan público e poder así proceder á instalación do elevador pola fachada deste edificio do Barrio das Flores.











