A Coruña aprobará no vindeiro pleno a Ordenanza de Verteduras que conta co consenso de todos os axentes implicados
O concelleiro de Medio, Enrique Salvador, anunciou esta mañá que a nova Ordenanza de Verteduras e Sistema Municipal de Saneamento irá ao pleno do próximo xoves, 11 de xullo, para a súa aprobación definitiva despois de aprobarse inicialmente o pasado 8 de abril e tras o período de información pública e audiencia aos interesados para a presentación de reclamacións e suxestións polo prazo dun mes.
“Trátase dun documento que nace do diálogo tanto para a súa redacción, coma para a súa revisión e achega de suxestións ou a súa posterior posta en marcha”, destacou Salvador quen explicou que neste período tamén se trasladou a ordenanza a Augas de Galicia, organismo que remitiu informe favorable ao respecto realizando ademais unha serie de achegas. “A pesar de que este informe non é vinculante, tivemos en conta todas as achegas que consideramos positivas para o documento polo que, neste caso, os técnicos consideraron estas observacións na súa integridade”.
No texto, no que participaron técnicos dos departamentos de Medio, Urbanismo e Infraestruturas, a empresa municipal de augas (Emalcsa), a Universidade e as principais industrias da cidade, responde ás peculiaridades da Coruña e ao traballo realizado para a entrada en funcionamento da nova depuradora de Bens, que contará coa tarifa máis barata de Galicia: un 26% máis baixa que a media do resto de concellos da comunidade autónoma.
O concelleiro tamén explicou que durante este período unicamente entregaron alegacións os tres Grupos Municipais da oposición. “Hai que ter en conta que esta ordenanza afecta directamente ao sector industrial da cidade ao regular as condicións técnicas e de parámetros de vertedura á que teñen que someterse na súa actividade industrial diaria e non presentou ningunha alegación, mostra de que foi un documento moi estudado tecnicamente, consensuado co sector e coa intervención de técnicos de recoñecido prestixio na materia, persoal municipal e da Universidade”, destacou Enrique Salvador.
As alegacións presentadas, así como o informe de Augas de Galicia, foron examinadas dende o punto de vista xurídico e dende o punto de vista técnico. En total, presentáronse 47 alegacións: 29 por parte do Grupo Municipal de Esquerda Unida – Os Verdes; 15 por Grupo Municipal do BNG; e 3 por parte do Grupo Municipal do PsdeG-PSOE. Obviamente corríxense os erros materiais detectados e alegados por algún Grupo Municipal procedéndose á corrección destes; ademais aceptáronse 3 alegacións, unha delas parcialmente, de Esquerda Unida – Os Verdes, e estimáronse 4 alegacións e 2 parcialmente do Grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego”, explicou Salvador e engadiu: “Respecto ás alegacións presentadas polo Grupo Municipal socialista responden a cuestións alleas a un texto normativo como é esta ordenanza cuxo ámbito de actuación é estritamente municipal excedendo totalmente este carácter polo que se considera que non deben de ser estimadas”. Enrique Salvador, que agradeceu as achegas dos tres grupos, explicou que onte foron convocados a unha reunión “para explicarlles os detalles desta ordenanza tan importante para a cidade”, acudindo os Grupos Municipais do PSOE e EU – Os Verdes e escusando a súa presenza o BNG.
Enrique Salvador recordou o carácter inédito, modélico e pioneiro da ordenanza “que nace con vocación metropolitana e que garantirá o correcto funcionamento da nova depuradora de augas residuais de Bens, cumpríndose o obxectivo de pechar o ciclo integral da auga”, destacou. “Este documento -continuou-, contribuirá a converter a bisbarra nun referente ambiental”.
O concelleiro de Medio explicou que na ordenanza se recolle a obrigatoriedade da conexión á rede municipal para todos os usuarios que realicen vertidos a menos de 100 metros desta; clasifícanse os distintos tipos de usuarios en función da súa actividade e das augas residuais que xeren; e establécense os valores máximos tanto diario coma instantáneo das verteduras.











