A Coruña aprobará en pleno un investimento dun millón de euros para equipar o servizo de bombeiros
O Goberno municipal leva ao pleno do próximo xoves, 11 de xullo, para o seu debate e posterior aprobación, a ordenanza fiscal reguladora da ordenación de contribucións especiais, o que permitirá realizar un investimento que supera o millón de euros para a adquisición de novo equipamento para o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS).
A ordenación de contribucións especiais recolle o convenio asinado coa Unión Española de Entidades Aseguradoras e Reaseguradoras (UNESPA), que achega 953.000 euros para a compra de material para o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento. Este acordo significa que UNESPA incrementa nun 60% a súa contía con respecto ao ano pasado, cando destinou 600.000 euros a proxectos do SEIS.
En total, o Concello investirá 1.058.888 euros, pois aos 953.000 euros da Unión Española de Entidades Aseguradoras e Reaseguradoras se suman 105.888 euros procedentes de fondos municipais (o 10% do investimento final). Deste xeito, a área de Seguridade Ciudadana que dirixe Julio Flores poderá adquirir dous vehículos -un de rescate e outro para traballos en altura-, mobiliario para o posto de control do Parque de Bombeiros e a nova cocheira, e subministración de material para mercadorías perigosas (material de protección, colectores, maquinaria e ferramentas antideflagrantes), ademais de desenvolver a segunda fase de mellora da rede de hidrantes.
Este novo investimento no Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento súmase aos 660.000 euros presupostados en 2012 para a incorporación dun equipo de excarceración, unha estación de carga de seguridade, equipos de comunicacións, melloras na rede de hidratantes, mobiliario para o posto de control e un vehículo autobomba pesado. Entre 2012 e 2013, o presuposto total alcanza os 1,72 millóns de euros.











