A Coruña aposta polas enerxías renovables e contará con vehículos eléctricos na área de Infraestructuras
O Concello da Coruña busca dar un paso máis no seu compromiso co medio e, en concreto, pola utilización das enerxías renovables, coa contratación de polo menos cinco vehículos eléctricos para a área de Infraestructuras. Con esta iniciativa, o Goberno municipal tamén quere dar exemplo e impulsar medidas que permitan concienciar á cidadanía sobre a importancia de coidar o ámbito natural.
O Concello saca a concurso, mediante procedemento aberto, o arrendamento dun lote de vehículos eléctricos para a Concellaría de Infraestruturas. O departamento que dirixe Martín Fernández Prado dispoñerá destes vehículos que permiten non só reducir o consumo de combustible, senón tamén apostar polas enerxías renovables, o que fomenta a conservación do medio grazas á redución das emisións de gases á atmosfera.
Esta renovación do parque móbil de Infraestructuras permitirá substituír os vehículos que xa son pouco adecuados tanto polo seu gasto coma polas condicións para os propios traballadores municipais. Ademais, con esta medida, foméntase o uso dos vehículos eléctricos dende a administración.
As empresas interesadas terán que presentar unha proposta cun número mínimo de cinco vehículos, que serán de cor branca, de 4 ou 5 portas e un mínimo de 4 prazas. A adxudicataria encargarase, durante os catro anos que dure o contrato de aluguer, do mantemento integral dos vehículos -con accións preventivas e atención de avarías-, así como das inspeccións técnicas oportunas, a substitución de pneumáticos e a asistencia en estrada dende o quilómetro 0. A empresa deberá dispoñer de cinco puntos de recarga intelixente no interior dos vehículos, así como cinco tarxetas de recarga gratuíta nos puntos que xa están habilitados pola cidade da Coruña.
A contratación deste servizo súmase a outras iniciativas impulsadas polo Concello, como Coruña Smart City, onde a innovación e as enerxías renovables xogan un papel crucial, ou como a Oficina contra o Cambio Climático, que pretende desenvolver os compromisos establecidos tras a adhesión do municipio ao Pacto dos Alcaldes, así como velar pola efectiva implantación e seguimento da súa Estratexia de Loita contra o Cambio Climático da Coruña. Esta oficina permitirá o asesoramento ao cidadán para facilitar a implantación de medidas de redución de emisións de CO2; a dinamización da Rede de Enerxía Sostible; e o apoio ao Pacto dos Alcaldes.











