A corporación coruñesa traslada o seu pésame aos familiares das vítimas do accidente ferroviario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

A Corporación municipal da Coruña, en nome de todos os cidadáns, manifesta o seu conmoción polo terrible accidente de tren ocorrido onte en Santiago de Compostela e comparte a dor cos familiares das vítimas, a quen traslada a súa máis sentido pésame.

En sinal de respecto e solidariedade, o Alcalde decretou sete días de loito oficial no municipio da Coruña.

En consecuencia, cancélanse todas as actividades e eventos organizados polo Concello durante os próximos sete días. Así mesmo, convoca para mañá 5 minutos de silencio ás 12 do mediodía ás portas do Palacio municipal, en recordo das persoas falecidas e para mostrar a solidariedade de todos os coruñeses coas familias das persoas afectadas por esta traxedia.

A Corporación municipal agradece o extraordinario labor dos profesionais que participaron en todos os dispositivos de urxencias establecidos en Galicia. Tamén quere destacar as mostras de solidariedade de todos os galegos, tanto daqueles que atenderon ás vítimas ou os seus familiares, como as dos centenares de persoas que se achegaron aos centros hospitalarios para doar sangue ou para colaborar cos profesionais.

O Concello quere destacar a entrega e a eficacia das 62 persoas que integraron o dispositivo municipal que desde primeiras horas da noite de onte atendeu na Estación de San Cristóbal a 37 familias afectadas polo suceso, facilitándolles información, apoio e transporte aos centros hospitalarios.

25 de xullo de 2013 | 14:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.