A concelleira coruñesa Begoña Freire acorda un paquete de melloras de mobilidade no ámbito da Gaiteira
A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, reuniuse con representantes da Asociación de Veciños La Gaiteira – Fátima e con representantes de comerciantes da zona, para pechar un acordo de melloras de mobilidade e seguridade vial que se levará a cabo nos próximos días nas rúas San Diego, José González Chas e adxacentes, entre a Rúa Gaiteira e a Rolda de Outeiro.
Freire explicou que ese encontro pecha unha xestión encamiñada a ordenar a mobilidade da zona en varios aspectos: pasos de peóns, sentidos de circulación, carga e descarga, aparcadoiros en liña e batería, recolocación de colectores, cebreados para facilitar xiros, ou sinalización, tanto vertical como horizontal.
A concelleira recalcou que “a zona a ordenar ten unha lonxitude total de 480 metros que comprenden rúas de distinta anchura e tipoloxía, con intenso tráfico residencial e que gran parte dos problemas que presenta se solucionarán sen excesivo investimento, grazas a un traballo coordinado e á cooperación veciñal e consenso co obxectivo de poñer “orde” no galimatías actual, “calmando o tráfico e aproveitando mellor o espazo dispoñible, en beneficio dos residentes e comerciantes desta característica zona do barrio da Gaiteira”, destacou.
A concelleira detallou que a circulación de entrada á zona se poderá realizar tanto dende a Travesía de Rianxo como dende a Travesía da Gaiteira, ambas as dúas adxacentes a Rolda de Outeiro, e tamén como ata agora por Rúa Petín. A circulación saínte canalizarase ao longo de San Diego en dirección única, continuando por José González Chas ata saír á Rolda; e relacionou a seguinte batería de actuacións:
– Modificación de sinalización horizontal e vertical da rúa San Diego, adecuándoa ao sentido de circulación e ordenación do aparcadoiro para evitar dificultades de xiro dende a Travesía da Gaiteira.
– Novo paso de peóns en rúa San Diego, dando continuidade ao tránsito peonil da rúa Ricardo Pérez.
– Modificarase a sinalización de Rúa Petín, de tal forma que se oriente o tráfico en dirección José González Chas.
– Ordenarase o aparcadoiro na Travesía da Gaiteira, dispoñéndoo en batería na marxe dereita dirección baixada dende a Rolda de Outeiro, e en liña no resto da rúa.
– Novo paso de peóns na rúa José González Chas, e recolocación de colectores para facilitar o itinerario peonil.
– Habilitarase unha zona de carga e descarga na rúa San Diego, entre Rúa Petín e Travesía da Gaiteira, para facilitar a actividade comercial.
A concelleira recalcou que con estes cambios, “que son economicamente discretos, se mellorarán as condicións de seguridade e accesibilidade das persoas e ordenará o tráfico, sendo un bo exemplo de como facer máis con menos,” concluíu.











