A Comisión de Urbanismo finaliza a revisión das alegacións de rangos 1 e 4 en todas as parroquias excepto Razo

Reunión da comisión
A Comisión de Urbanismo vén de manter hoxe, martes 23 de xullo, unha nova xuntanza dentro do proceso de revisión das alegacións presentadas ao documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM). Neste caso, os técnicos e representantes dos grupos políticos da corporación remataron co traballo iniciado o pasado día 3 de xullo de valoración das alegacións relativas ao medio rural incluídas nos rangos 1 – parcelas lindeiras sobre viario estruturante- e 4 -parcelas non lindeiras- establecidos polo equipo redactor, as que presentan tamén unha maior complexidade.
Tan só quedan por aclarar algunhas dúbidas e situacións relativas a dous ou tres núcleos e revisar a parroquia de Razo, xa que é a que presenta maior número de alegacións, con máis de 200, e tamén a de maior complexidade nas reclamacións. Así, está previsto dedicarlle unha xuntanza en exclusiva. A Comisión de Urbanismo manterá unha nova reunión o martes 30 de xullo na que se abordarán os casos relativos ás alegacións clasificadas polo equipo redactor como de rango 2 -parcelas lindeiras sobre viario non estruturante- e 3 -parcelas incluídas en actuacións integrais-, así como as relativas a casos de ampliacións e aliñacións, segundo explica a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes.
O obxectivo é comezar a pechar pouco a pouco a resolución definitiva das alegacións para avanzar no proceso. Hai que lembrar que o documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM) recibiu un total de 1.921 alegacións presentadas por 2.451 alegantes e que afectan a un total de 2.908 parcelas do municipio, a maioría situadas no medio rural. As alegacións foron clasificadas por tipos polo equipo redactor e a maior parte delas corresponde a parcelas sobre as que se solicita un cambio de clasificación total (con 1.277 alegacións que supoñen o 59,9 por cento do total e afectan a 1.786 parcelas), seguidas das que solicitan a inclusión da totalidade da parcela (266 e 12,4 por cento) e das que piden a modificación de condicións edificatorias contidas nas ordenanzas (225 e 10,5 por cento). En todo caso, mirando por parroquias -exceptuando a de Carballo-, as que rexistran un maior número de peticións son Razo, Bértoa e Sofán. Na zona rural, a solicitude máis habitual é a de incorporación de parcelas a licenza de obra directa. No caso do casco urbano carballés, os datos indican que hai 5.851 parcelas en solo urbano consolidado, das que 3.626 están edificadas e 2.225 sen edificar, co que a vila conta cunha elevada porcentaxe de solo clasificado.











