A Comisión de Urbanismo de Carballo comeza a revisión das alegacións presentadas ao PXOM

Reunión da comisión de urbanismo
A Comisión de Urbanismo mantivo o mércores 4 de xullo unha nova xuntanza na que principiou o proceso de revisión das alegacións presentadas ao documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM). Nunha reunión de máis de tres horas de duración, os técnicos e representantes de todos os grupos políticos da corporación -BNG, PP, PSOE e TEGA- realizaron unha primeira valoración das alegacións incluídas nos rangos 1 e 4 establecidos polo equipo redactor. Hai que lembrar que o Rango 1 correspóndese coas parcelas lindeiras sobre viario estruturante e o Rango 4 coas parcelas non lindeiras. Estudáronse por orde alfabética as reclamacións respectivas ás parroquias de Aldemunde, Artes, Ardaña, Berdillo e Bértoa. Ademais, establecéronse algúns criterios provisionais que axudarán á hora de estimar ou rexeitar as reclamacións, pero que poden sufrir algunha variación. Así, esta primeira aproximación ás alegacións non supuxo aínda a toma de ningunha decisión definitiva. Está previsto que a Comisión de Urbanismo manteña unha nova reunión o mércores 10 de xullo e que a partir dese momento o proceso de revisión das alegacións progrese e vaia axilizándose.











