A Comisión de Urbanismo axiliza a revisión de alegacións e convoca unha nova xuntanza para o 18

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+
Instante da comisión

Instante da comisión

A Comisión de Urbanismo vén de manter hoxe, mércores 10 de xullo, unha nova xuntanza dentro do proceso de revisión das alegacións presentadas ao documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM). Durante preto de tres horas os técnicos e representantes de todos os grupos políticos da corporación -BNG, PP, PSOE e TEGA- continuaron co traballo iniciado o pasado día 3 de xullo e avanzaron na valoración das alegacións relativas ao medio rural incluídas nos rangos 1 e 4 establecidos polo equipo redactor, as que presentan tamén unha maior complexidade. O Rango 1 correspóndese coas parcelas lindeiras sobre viario estruturante e o Rango 4 coas parcelas non lindeiras. Así, se na anterior xuntanza se avanzara co estudo das reclamacións por orde alfabética ata Bértoa, nesta reunión chegouse ata Noicela, restando por analizar os casos de Oza, Razo, Rebordelos, Rus, Sísamo, Sofán e Vilela. Polo de agora segue sen tomarse ningunha decisión definitiva, aínda que vanse definindo posturas e establecéndose criterios xerais, ademais de irse axilizando o proceso. Está previsto que a Comisión de Urbanismo manteña unha nova reunión o xoves 18 de xullo e que haxa xuntanzas semanais ata que conclúa o estudo e resolución das alegacións.

10 de xullo de 2013 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.