A Comisión de Urbanismo abordou como repercute a nova Lei de Protección do litoral no PXOM

Reunión da comisión de urbanismo
A Comisión de Urbanismo vén de manter hoxe, xoves 18 de xullo, unha nova xuntanza dentro do proceso de revisión das alegacións presentadas ao documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM). Neste caso, abordáronse as posibles repercusións que terá no novo planeamento a aprobación da Lei 2/2013, do 29 de maio, de Protección e uso sostible do litoral e de modificación da Lei 22/1988 de Costas, do 28 de xullo. Así, a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes e o Arquitecto municipal, Alfredo Garrote, xa mantiveron unha xuntanza co Xefe da Demarcación de Costas de Galicia, Rafael Eimil, para abordar o asunto. En principio, o único núcleo rural delimitado no novo PXOM de Carballo que está afectado pola servidume dos 100 metros de costa sería o do Pinar, en Baldaio (parroquia de Lema). Segundo unha disposición transitoria da Lei 2/2013 sería posible -unha vez que a lei entre en vigor- que a servidume desa zona se reduza de 100 a 20 metros, sempre que se cumpriran certos requisitos de servizos e/ou consolidación. Esta medida podería afectar a varias edificacións e parcelas do Pinar, mais a normativa non deixa completamente claras as repercusións para o núcleo, polo que o Concello vai seguir a recomendación da Demarcación de Costas e realizará unha consulta formal ante o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para solucionar as dúbidas. Durante o resto da reunión, de máis de dúas horas de duración, continuouse co traballo iniciado o pasado día 3 de xullo e avanzouse na valoración das alegacións relativas ao medio rural incluídas nos rangos 1 e 4 establecidos polo equipo redactor, as que presentan tamén unha maior complexidade. O Rango 1 correspóndese coas parcelas lindeiras sobre viario estruturante e o Rango 4 coas parcelas non lindeiras. Así, se na anterior xuntanza se avanzara co estudo das reclamacións por orde alfabética ata Noicela, seguiuse coa análise ata rematar con Rebordelos, aínda que sen abordarse o estudo de Razo. O motivo é que Razo é unha das parroquias que presenta maior número de alegacións, con máis de 200, e dada a súa complexidade deixarase para o final, incluso dedicándolle unha xuntanza en exclusiva. Polo tanto, na próxima reunión está previsto analizar os rangos 1 e 4 das parroquias de Sísamo, Sofán e Vilela. Hai que mencionar que, na zona rural, a solicitude máis habitual é a de incorporación de parcelas a licenza de obra directa.
O documento para a aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal recibiu un total de 1.921 alegacións, presentadas por 2.451 alegantes e que afectan a un total de 2.908 parcelas do municipio, a maioría situadas no medio rural. O equipo redactor que dirixe Fernández Carballada ten clasificado este tipo de peticións en catro rangos. Ademais dos xa mencionados 1 e 4 está o rango 2 de parcelas lindeiras sobre viario non estruturante (rango 2); e o rango 3 de parcelas sen fronte á vía pública e incluídas en actuacións integrais. Hai que lembrar que todos os grupos políticos da corporación participan na Comisión de Urbanismo contan con toda a información pertinente nun CD, no que tamén están incluídos os planos cunha clasificación sobre cada parcela na que se indica o número de alegación, a súa natureza, etc., así como uns criterios xerais nos que basearse para estimar ou desestimar cada alegación.











