A Comisión de Pleno ourensá dá o visto bo á tarxeta que permitirá viaxar gratuitamente en autobuses aos desempregados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaOurense
A-
A+

A creación dunha nova Tarxeta Milenio que permita aos desempregados ourensáns viaxar gratuitamente no servizo municipal de autobuses deu un paso adiante esta mañá. A Comisión de Pleno ditaminou favorablemente a proposta de modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por prestación do servizo de transporte urbano que incluirá esta medida. A proposta de acordo será presentada a aprobación inicial por parte do Pleno do Concello na súa sesión ordinaria do mes de agosto que terá lugar este venres, día 2.

A proposta de acordo que se presentará a aprobación do Pleno incorpora unha emenda de adición presentada polo grupo municipal do BNG que dí que “no borrador que se presente para a aprobación das Taxas Fiscais do Concello de Ourense para o ano 2014, deberá incluirse unha revisión das Tarxetas Milenio para Pensionistas e Terceira Idade consistente en inserir un novo requisito, a acreditación por parte da persoa usuaria dunha capacidade económica inferior ao 150% do IPREM”

Cumprir un acordo plenario

Ambas medidas darán cumprimento ao acordo do Pleno do Concello do día 4 de xaneiro, que aprobou unha moción presentada polo grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego, coa incorporación dunha emenda do PSdeG-PSOE, para aprobar a reforma da denominada “Tarxeta Milenio”, implantando a gratuidade das viaxes para os desempregados e a reforma da destinada a pensionistas.

O proxecto de modificación da ordenanza que se presentará ao Pleno inclúe tamén unha modificación do requisito establecido nos artigos 7.2, 7.3, 7.4 e 7.5, relativos á concesión das denominadas Tarxetas Milenio, nas que se requería aos solicitantes estar empadroados en Ourense. Neste caso, a modificación introduce como condición “estar empadroado neste municipio, cunha antigüidade de seis meses”.

A proposta de acordo será presentada ao Pleno do Concello do venres para a súa aprobación provisional. Posteriormente, exporase ao público o expediente a efectos de reclamacións, durante 30 días, antes da súa aprobación definitiva, previa resolución das reclamacións presentadas, que poderá ser tácita se non hai reclamacións. As ordenanzas entrarán en vigor ao día seguinte da publicación do texto no Boletín Oficial da Provincia.

29 de xullo de 2013 | 13:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.