A comisión de festexos presenta o programa de festas da Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaCalendarioLocal
A-
A+
Presentación das festas

Presentación das festas

Os membros da Comisión de Festas da Laracha presentaron hoxe ao alcalde, José Manuel López Varela, e á concelleira responsable da área de festas, Patricia Bello, o programa que desenvolverán do 14 ao 17 de agosto para honrar a Santa María de Torás, patrona da parroquia na que se sitúa a capital municipal.

Durante esas catro xornadas haberá eventos para todos os públicos e a presenza de destacadas orquestras que amenizarán as sesións vermú e as verbenas nocturnas.

O mércores 14 iniciarase o programa coa celebración, á noite, da II Festa da Xuventude.

O xoves 15 de agosto os actos relixiosos consistirán na denominada Misa das Cociñeiras na igrexa vella a partir das 9 de mañá e a misa solemne na honra da Nosa Señora ás 13.30 na igrexa parroquial. Ese día celebrarase o Trofeo de Fútbol do Concello da Laracha, que será un triangular entre o Laracha C.F., a U.D. Paiosaco e o Club do Mar de Caión. Ás 20.00 horas actuará a Asociación Cultural Santa María de Torás na explanada do Instituto. A verbena nocturna será amenizada polo Combo Dominicano.

A tradicional procesión desde a igrexa parroquial ata a capela de San Roque e San Antonio será o venres 16 a partir das 13.00 horas. Nesa data, ás 19.00 horas o artista Roi o cagabolas ofrecerá o seu show de malabares, maxia e humor e a partir das 22.00 Os Arrieros presentarán un espectáculo de teatro de rúa. A verbena será a cargo da orquestra Aché.

As Festas da Laracha rematarán o sábado 17, data na que terá lugar o Día do Neno e contarase coa actuación da orquestra Philadelphia. Como é tradicional, haberá espectáculo de fogos de artificio.

En todas as xornadas contarase coa Discoteca Móvil Movemento ao remate da verbena e do 15 ao 17 a Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco será a encargada das dianas e alboradas desde primeiras horas da mañá.

José Manuel López Varela agradeceu o traballo dos organizadores, xa que “sen vós non sería posible levar a cabo este programa de festas”.

A Comisión de Festas está formada por Eusebio Ramos (presidente), Iván Vázquez (tesoureiro), Mari Carmen Serrano (secretaria), Miguel Ramos e Suso Cotelo. Todos eles quixeron agradecer o apoio que están a recibir tanto polo Concello como pola maioría de veciños da parroquia e tamén por parte dos locais, establecementos comerciais e empresas colaboradoras. Ademais, lembraron que este ano será a propia Comisión de Festas a encargada de xestionar, atender e explotar os bochinches e as barras nas que se servirán as bebidas e que se instalarán no lugar de celebración das verbenas, a que será unha das principais fontes de ingresos para o financiamento das festas.

19 de xullo de 2013 | 19:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.