A Casa do Escudo de Verín acolle a Exposición ’18 Artistas Eurocidade Chaves-Verín’
A Casa do Escudo de Verín acolle dende 04 ao 31 de xullo a exposición ’18 Artistas Eurocidade Chaves-Verín’, unha mostra colectiva de artistas dos dous municipios, organizada pola Associação Chaves Viva, Eurocidade Chaves-Verín, Município de Chaves e Concello de Verín.
Participan nesta exposición de artes plásticas nove artistas flavienses e nove verinenses, amosando cada un deles dous dos seus traballos: Agostinho da Silva, Alfredo Cabeleira, Dinis Ponteira, Fernanda Reis, Leonel Santos, Nuno Duque, Priscila, Ricardo Costa, Sílvio Manuel, Anxos Borjas, Aurora López, Beny, Fernando Barreira, Iolanda Rodríguez, Karma Gösbur, Marilar Salgado, Santamarina e Xosé Rivada.
Tras visitar o Centro Cultural de Chaves, Hotel Casino de Chaves e Biblioteca Municipal de Valpaços, a mostra chega ao municipio de Verín. A inauguración será mañá 04 de xullo, ás 20 horas (horario local) na Casa do Escudo de Verín. Os horarios de visita son de luns a sábado de 17 a 20.30 horas (horario local), sen esquecer horarios alternativos para grupos e visitas con cita previa (988-411614).
Esta iniciativa pretende retomar a promoción de exposicións conxuntas entre Chaves e Verín, dada a enorme riqueza existente no territorio da Eurocidade de artistas plásticos, co obxecto de apoiar, fomentar e dar a coñecer a creatividade e talento dos artistas locais, a través da realización de exposicións comúns de artistas flavienses e verinenses, que xa forman parte do programa de actividades culturais da Eurocidade e Chaves Viva.











