A campaña de control de seguridade do peón posta en marcha pola Policía Local de Ferrol rexistrou 96 incidencias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocalLocal Portada
A-
A+

A Concellería de Seguridade e Mobilidade do Concello de Ferrol, que dirixe o edil Pablo Cal Martínez, informou hoxe dos resultados obtidos na campaña de control de seguridade do peón realizada polos axentes da Policía Local durante as primeiras dúas semanas do pasado mes de xuño. A medida forma parte do Plan de Seguridade Viaria posto en marcha polo Concello de Ferrol.

Este operativo de seguridade tivo como finalidade primordial a prevención mediante actuacións de concienciación e corrección daquelas condutas de peóns e condutores que puideran poñer en perigo a seguridade do tráfico. Así, os axentes encargados de establecer os controis só procederon á denuncia daquelas condutas observadas que puxeron en concreto perigo a seguridade viaria ou por manifesto desprezo da súa labor preventiva na intervención.

No que atinxe aos datos obtidos, durante os catorce días que durou a campaña de seguridade foron realizados un total de 25 controis en puntos conflitivos, nos que se observaron 96 incidencias das que 46 correspondíanse con actuacións de peón e 50 con condutores. Con respecto aos casos referentes ao peón, 27 viandantes cruzaron a rúa por lugar non habilitado, 16 foron vistos atravesando a calzada con semáforo en fase vermella e os restantes 5 peóns foron observados cruzando de forma precipitada e sen seguridade. Pola outra banda, dos 50 incidentes totais observados ao condutor, 43 foron por non respectar a prioridade nun paso de peóns e os restantes se atopaban parados ou estacionados sobre un paso para viandantes. Así mesmo, as infraccións obxecto de denuncia foron: un peón que ademais de cruzar a rúa por un lugar indebido con risco para si mesmo e de terceiros, fixo caso omiso das indicacións dos axentes de policía; e 7 denuncias a condutores de vehículos por poñer en perigo a seguridade peonil, dos que 4 foron por estacionamento do turismo sobre o paso de peóns e 3 por non respectar a prioridade no paso para viandantes. Estes datos poñen de manifesto que o obxectivo desta campaña non é recadar senón informar, concienciar e previr comportamentos de condutores e peóns contrarios á normativa de seguridade viaria. De feito, soamente un peón foi sancionado, tras facer caso omiso ás indicacións dos axentes; limitándose na maioría dos casos a informar.

Campaña sobre o uso do cinto e móbil

A próxima e última campaña desta primeira fase do Plan Municipal de Seguridade Viaria será a orientada ao uso sobre o cinto e o teléfono móbil.

4 de xullo de 2013 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.