A calidade e excelencia dos produtos deberá primar nos establecementos que se sumen a Saborea Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

Os establecementos coruñeses que se adhiran a Saborea España, a plataforma amparada pola Secretaría de Estado de Turismo e creada para potenciar o turismo e a gastronomía das súas 22 cidades membro, deberán primar a calidade e excelencia dos seus produtos como parte da estratexia local para reforzar A Coruña como destino gastronómico nacional e internacional. Así se acordou nas xornadas técnicas celebradas hoxe na cidade nas que participaron o Consorcio de Turismo, que preside Luisa Cid, a Asociación de Hostaleiros da Coruña e representantes de España Saborea.

Na reunión, coordinada pola xerente do Consorcio de Turismo, Fernanda Arenas, e á que asistiron, entre outros, a xerente de Turismo de Valladolid, Isabel Mateo, e membros de Saborea España, sentáronse as bases para deseñar Saborea Coruña, o plan de traballo específico para a cidade que se formalizará nos próximos meses coa constitución dunha mesa local.

Durante as xornadas, celebradas na sede da Asociación de Hostalaría, técnicos de Saborea España destacaron o gran potencial da cidade como destino gastronómico vinculado aos produtos do mar e mostraron ao sector casos de éxito noutras urbes integradas na rede, como Madrid Fusión e as campañas para promover a riqueza vitivinícola de Valladolid.

A Coruña integrouse na plataforma Saborea España, presidida por Pedro Subijana e da que forman parte cidades como Sevilla, Valladolid, Madrid, Tenerife e San Sebastián, o pasado mes de febreiro e, coa súa adhesión, o Concello reforza a súa aposta por fortalecer o sector turístico e converter A Coruña nun destino apetitoso durante todo o ano.

11 de xullo de 2013 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.