A biblioteca de Tui ofrece o servizo de “bibliopiscina” nas piscinas municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTui
A-
A+
Espazo da bibliopiscina

Espazo da bibliopiscina

Coma nos sete anos anteriores a Biblioteca Pública Municipal de Tui ofrece aos usuarios da Piscina Municipal o servizo de “Bibliopiscina” polo cal os bañistas poderán achegarse no seu tempo de lecer á lectura como unha alternativa de ocio ideal para este tempo de verán.

Esta iniciativa que ten como lema “Mergúllate nos libros” busca  achegar a lectura aos cidadáns coma unha opción para o tempo de lecer, para todas as idades e para todos os sectores sociais. Así, na escolma que se presenta atópanse unha grande diversidade de títulos, formatos e temáticas. A colección de libros seleccionados polos responsables da Biblioteca Municipal comprende un amplo abanico de títulos para nenos e adultos, tanto en galego coma en castelán, que resultan de fácil lectura.

Para acceder a este servizo bibliotecario non é preciso ningún tipo de carné da Biblioteca xa que é  libre e gratuíto, e tampouco supón ningún custe adicional para as persoas que accedan ás Piscinas Municipais.

A posta en marcha desta iniciativa por octavo ano ven avalada pola boa acollida que suscitou entre os bañistas nos anos anteriores, estando previsto renovar a colección de libros depositada na “Bibliopiscina” o vindeiro mes de agosto.

17 de xullo de 2013 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.