A Biblioteca de Ortigueira inaugura unha exposición documental do legado de Federico Maciñeira
Os orteganos poderán descubrir dende mañá unha parte do legado realizado ao Concello de Ortigeuira pola familia de Federico Maciñeira Pardo de Lama. Será grazas a unha exposición documental na que se mostrará unha selección de orixinais dos artigos publicados en vida polo célebre arqueólogo, ao que este ano rende tributo “Ortigueira literaria dixital”.
Segundo apuntan dende a dirección da biblioteca, a exposición, cuxa inauguración formal terá lugar mañá xoves, a partir das 20:30 horas, tratará de mostrar o amplo abano de temas que espertaron o interese do que foi o intelectual máis notable da historia do municipio, dende a historia e a arqueoloxía, ata a política ou temas económicos como a agricultura, a pesca ou a gandaría.
Cabe recordar que a doazón realizada á casa do concello por Federico Maciñeira Teijeiro, neto do insigne prócer ortigueirés, contén orixinais íntegros de publicacións locais e fragmentos de números de xornais e revistas do resto do país nos que aparecen os textos de Maciñeira, todos publicados entre os anos 1889 e 1943.
En total, máis de trescentos documentos integran; textos xornalísticos que viñeron a enriquecer os fondos do arquivo histórico municipal e que axudarán aos interesados a coñecer un pouco máis da historia local e da obra de Maciñeira e Pardo de Lama.
Apuntan dende o servizo municipal, dependente da Concellaría de Cultura, que a totalidade dos fondos se encontran xa catalogados e, na súa maior parte, dixitalizados para facilitar a consulta aos usuarios.











