A Autoridade Portuaria e o Concello da Coruña presentan o proxecto do túnel de La Marina

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, acompañado do presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, presentou esta mañá o novo proxecto do túnel de La Marina, que se sacará a concurso en setembro e que conectará co paso subterráneo do Parrote, o que permitirá enterrar o tráfico, eliminando 40.000 vehículos diarios da zona, e recuperar 52.000 metros cadrados do centro da Coruña para uso e desfrute dos cidadáns.

O informe da Autoridade Portuaria, onde se recollen as sondaxes xeotécnicas realizadas en La Marina, certifica que o terreo é estable e permite ampliar o trazado do túnel ata o hotel NH Atlántico, polo que, á viabilidade económica, se suma definitivamente a viabilidade técnica. Agora, a previsión é licitar o proxecto en setembro. Neste sentido, o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña tamén indicou que o proxecto se remite hoxe mesmo ao Diario Oficial de la Comunidad Europea (DOCE) para a publicación inmediata do anuncio previo ao de licitación, o que permitirá á súa vez adiantar os prazos.

O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas destacou que a colaboración institucional e o diálogo permanente coa Autoridade Portuaria e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural garantiron a execución desta segunda fase dun proxecto que cambiará a imaxe urbana do centro da cidade. Neste sentido, ao igual que aconteceu co túnel e o aparcadoiro do Parrote, o Concello busca o apoio do resto de administracións para a execución dun proxecto que alcanza os 16,5 millóns de euros. Nos seus respectivos presupostos, o Goberno local xa reserva un investimento de 14,5 millóns e a Autoridade Portuaria, de 2 millóns.

“É unha obra moi importante para a cidade e que permite prolongar o ámbito peonil no centro da cidade, desenvolvendo na sala de estar da nosa cidade un espazo de calidade urbana e non un espazo para o vehículo,” sinalou Fernández Prado. O novo proxecto de La Marina, ademais de dar continuidade ao túnel do Parrote, supón a maior remodelación dun espazo urbano que se está a executar en Galicia.

– O túnel será de 4 carrís, 2 en cada sentido de circulación. Arrancará á altura do NH Atlántico e, en Puerta Real, enlazará cos pasos subterráneos do Parrote e de María Pita. Esta solución permitirá que o túnel do Parrote sexa de dobre dirección.

– O vial completo, incluídos os tramos do Parrote e La Marina, terá unha lonxitude dun quilómetro (o túnel de La Marina será de 530 metros de lonxitude), o que permitirá que en superficie existan 52.000 metros cadrados para espazos públicos libres de vehículos.

– Habilitarase unha vía de servizo para Correos, Deputación e o hotel NH Atlántico; e a estrada contará con todos os servizos e dispositivos de emerxencia necesarios.

O presidente da Autoridade Portuaria tamén gabou o clima de diálogo que existe dende hai dous anos e que permitiu non só desbloquear o aparcadoiro do Parrote, senón ademais completar o proxecto cun vial subterráneo e a súa conexión co túnel que se sacará a concurso para o tramo de La Marina. Enrique Losada indicou que a previsión é que a obra do túnel de La Marina estea rematada en 2015.

O máximo responsable da entidade portuaria explicou que, nos próximos meses, definirase a urbanización da zona e estudaranse as mellores alternativas para autobuses, vehículos de carga e descarga, e para os servizos de Correos, Deputación, Autoridade Portuaria, Palexco e Real Club Náutico. Tamén avanzou que a execución da obra se desenvolverá por tramos para afectar o mínimo posible á circulación. Á hora de estudar as propostas que se presenten durante o prazo de licitación, terase especialmente en conta a oferta que detalle a mellor solución para a mobilidade durante a realización do túnel de La Marina.

Enrique Losada indicou que se desmontará o enreixado do actual peche dos peiraos en Alférez Provisional. Trátase dun elemento protexido, polo que se analizará con Patrimonio a súa mellor recolocación.

3 de xullo de 2013 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.