A Asociación de Mulleres Rurais de Tomiño, celebrou o seu 20 aniversario o pasado venres na Casa da Cultura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaTomiño
A-
A+
Acto conmemorativo do 20 aniversario

Acto conmemorativo do 20 aniversario

A Asociación de Mulleres Rurais Santa María de Tomiño vén de cumprir o seu 20 aniversario. Para celebralo, inaugurou o pasado venres, na Casa da Cultura, unha exposición cos traballos manuais e artísticos das socias.

Na oportunidade, unha das socias, en representación da presidenta, Conchi Núñez, leu unhas palabras de recoñecemento a todas as tomiñesas que pasaron pola asociación –máis de 500- e ás institucións que, como o Concello, colaboraron para que a agrupación seguira adiante e traballando polos dereitos da muller do rural.

Presidiu o acto, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientando na súa intervención a antigüidade da asociación e a súa relevante  traxectoria. “Sodes as precursoras do asociacionismo feminino neste Concello, e tedes demostrado que sondes unhas mulleres tenaces e loitadoras”, comentou.

A rexedora local valorou tamén, á marxe das numerosas actividades, cursos, excursións, etc. que habitualmente organiza a asociación, o feito de conseguir reunir ás mulleres do rural e darlles un lugar de encontro e referencia. “O realmente revolucionario foi que conseguises sacar a un grupo de mulleres do ámbito doméstico, xuntalas e poñelas facer outras actividades”, subliñou a alcaldesa.

A exposición que pode verse na Casa da Cultura, consta de traballos manuais e artísticos realizados polas socias durante o curso pasado, entre os que se atopan manteis bordados, encaixe de bolillos, pintura, vidro, mobles antigos restaurados, cerámica e un longo etcétera.

A Asociación de Mulleres Rurais de Tomiño xurdiu en 1993 e conta na actualidade con máis de 200 socias. Desde o 2004, a entidade conta con sede propia, na rúa da Pedra, rehabilitada dúas veces polo Concello, a derradeira, no 2010.

1 de xullo de 2013 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.