A Asoación de Persoas Xordas de Ferrol e o Concello cooperan para manter o servizo de intérpretes da lingua de signos
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, formalizou esta mañá o convenio de colaboración coa Asociación de Persoas Xordas de Ferrol para o mantemento do servizo de intérpretes da lingua de signos. Un acordo que o primeiro edil subscribiu xunto coa presidenta da entidade, Teresa Gallo Lastra, e a concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro.
Na súa intervención, o rexedor municipal sinalou a importancia da sinatura deste convenio para o acercamento deste colectivo á convivencia e integración no ámbito comarcal. “O traballo que realiza a asociación ferrolá é moi valorado pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, algo que nos enche de satisfacción” dixo. Ademais, Rey Varela manifestou que dende a Concellería de Benestar Social se seguirá a colaborar coa entidade ferrolá e que este acordo de cooperación permitirá o apoio ao mantemento do movemento asociativo de persoas xordas de acordo con diferentes obxectivos. A achega municipal ascende a 23.000 euros.
Pola súa banda, a presidenta da Asociación de Persoas Xordas de Ferrol Teresa Gallo Lastra, quixo agradecer ao alcalde “a súa preocupación pola nosa asociación e a súa colaboración coa firma deste convenio que permite romper as barreiras de comunicación que sofre o noso colectivo”.











