A área de Ferrol Vello acollerá unha nova edición da súa tradicional Feira Medieval

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioFerrolLocal
A-
A+

O barrio de Ferrol Vello volverá acoller entre os vindeiros días 2 e 5 de agosto unha nova edición da xa tradicional Feira Medieval, organizada pola Concellería de Festas do Concello de Ferrol. Máis de medio centenar de expositores daranse cita nesta “viaxe no tempo”, e non faltarán espectáculos de animación e teatrais nunhas rúas que estarán decoradas para a ocasión con estandartes, bandeiras, pendóns, escudos heráldicos, etc.

O ámbito da feira ocupará practicamente todas as rúas e prazas de Ferrol Vello: praza Vella e do Carbón; Costa de Mella e parte do paseo de Irmandiños e da Mariña, así como das rúas San Francisco e  Carme Curuxeiras; rúas Benito Vicetto, Castro, Cristo Rastro, San Antonio e Argüelles. Entre os postos comerciais que se instalarán neste Mercado Medieval haberá espazo para a venda de abalorios, vidro, madeira, orfebrería, coiro, xoguetes, cestería, xabóns, minerais, coiro, plantas medicinais… Tamén haberá puntos de venta de produtos de alimentación: doces, embutidos, empanadas, froitos secos…, así como de licores.  Así mesmo, a feira contará con talleres de oficios: mestre canteiro, confección de telares, obradoiro de modelado, de tallado de madeira, o ferreiro… Un espazo exclusivo para os máis pequenos –o recuncho infantil medieval- e exposicións de apeos de labranza e aparatos de tortura completan a feira no que atinxe a postos expositivos e de venda.

O horario estimado da feira será de 09.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 00.00 horas.

30 de xullo de 2013 | 15:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.