A adhesión da Coruña á plataforma turística Saborea España reforza o seu liderado como destino gastronómico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+
Presentación de Saborea España

Presentación de Saborea España

O Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo que preside Luisa Cid, e representantes de Saborea España, a primeira plataforma nacional creada para potenciar o turismo e a gastronomía e amparada pola Secretaría de Estado de Turismo, analizarán hoxe e mañá na cidade a estratexia deseñada para A Coruña para reforzar o seu liderado gastronómico tras a súa adhesión á rede o pasado mes de febreiro.

Saborea España, presidida polo cociñeiro Pedro Subijana, está composta pola Federación Española de Hostalaría, a Asociación Española de Destinos para a Promoción do Turismo Gastronómico, a Organización Europea de Cociñeiros e a Asociación de Cociñeiros e Reposteros de España, e entre os 22 destinos que integran a rede encóntranse cidades como Valladolid, Sevilla, San Sebastián, Segovia, Pamplona, Menorca, Madrid, Zaragoza e Valencia.

O obxectivo da plataforma é converter escapadas en experiencias gastronómicas únicas, ampliar o concepto de turismo gastronómico, traballando o concepto de cultura gastronómica española auténtica e vinculada ao territorio, e potenciar a promoción e comercialización dos produtos de forma ambiciosa e innovadora captando novos mercados a través de campañas nacionais e internacionais.

Durante estes dous días, a concelleira de Turismo, acompañada pola xerente do Consorcio de Turismo, Fernanda Arenas, e por representantes da Asociación de Hostaleiros da Coruña, analizará con membros de Saborea España o plan de traballo específico para a cidade: Saborea Coruña, que se presentará mañá ao sector turístico e gastronómico coruñés nunhas xornadas técnicas onde se mostrarán exemplos prácticos, como varios casos de éxito de Madrid, Sevilla e Valladolid. Ao encontro de traballo asistirán, entre outros, o presidente dos hostaleiros coruñeses, Héctor Cañete.

Eventos e feiras gastronómicas, presentación de novas tendencias ou o Día Mundial da Tapa, que se celebrará o próximo mes de setembro, son algunhas das actividades programadas para potenciar destinos como o da Coruña. Entre as accións internacionais para este ano 2013 inclúense, entre outras actividades, campañas en Alemaña, Reino Unido e Francia nas que A Coruña poderá participar activamente.

Luisa Cid recordou, na presentación do encontro, que a gastronomía é un dos grandes atractivos da Coruña, a razón pola que moitos turistas elixen a cidade como destino, de aí a importancia de innovar e de potenciar a súa riqueza culinaria para fidelizar e captar visitantes durante todo o ano. “Temos que fiar fino e que o sector saiba que tipo de oportunidades poden ter con esta iniciativa”, indicou a concelleira, quen definiu Saborea España como “a simbiose perfecta entre o público e o privado” para potenciar a imaxe de marca España e da Coruña dentro e fóra das nosas fronteiras.
No acto de presentación da plataforma, que se celebrou no Pazo Municipal, a responsable de Turismo estivo acompañada polas xerente do Consorcio de Turismo da Coruña e Valladolid, Fernanda Arenas e Isabel Mateo, respectivamente; Lluís Pujol, xerente de Destinos de Saborea España; David Izquierdo, xerente de Empresa da plataforma e por Andrea Díaz, José Manuel Castro e Paula Aneiros, representantes da Asociación de Hostaleiros da Coruña.

10 de xullo de 2013 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.