52 mozos de Austria, Alemaña, Bélxica, Francia, Holanda e Eslovenia participan en Lalín no proxecto “living in Europa, building Europe” do 22 ao 30 de xullo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal
A-
A+
Participantes no programa

Participantes no programa

Desde o próximo luns 22 de xullo e ata o día 30 un grupo de 63 persoas procedentes das seis localidades da federación de vilas europeas “Linden saúda Linden” participarán no proxecto “Living In Europe, Building Europe” (LIEBE), coordinado polo Comité de Irmanamento de Lalín (CIRLA), e que conta coa colaboración e financiamento do Concello de Lalín, da Deputación de Pontevedra e do Programa Europeo “Xuventude en Acción”.

O dito proxecto enmárcase dentro do marco institucional de irmanamento existente coas localidades participantes: St Georgen am Walde (Austria), Linden/Holstein (Alemaña), Linden/Lubbeek (Bélxica), Lalinde (Francia), e Linden/Cuijk (Holanda). No intercambio tamén participarán 9 mozos e mozas da asociación xuvenil eslovaca “Csak Egy Mosoly”.

En total, o grupo estará formado por 52 mozos e mozas de entre 15 e 22 anos e 11 acompañantes. A isto sumaránselle outras 18 persoas da organización e de colectivos colaboradores que se encargarán da correcta marcha do encontro. Xunto coas 25 familias anfitrioas que se farán cargo de servir as ceas, serán máis de 150 as persoas involucradas directamente no proxecto.

O amplo programa de actividades abrangue actividades diversas en torno a tres grandes eixos temáticos: emprendedurismo e iniciativas xuvenís; cidadanía europea e dereitos e desemprego xuvenil.

As distintas delegacións comezarán a chegar a Lalín na tarde do luns; esa xornada destinarase a instalar aos grupos no albergue, facer unha breve presentación dos/das participantes, distribuír as tarefas de limpeza e servizo de comedor, e explicar o regulamento interno do intercambio.

Xa na mañá do martes 23, comezarán as actividades, que se centrarán no desemprego xuvenil e a interculturalidade. Unha recepción oficial na Casa Consistorial o venres, 26 de xullo, ás 16.30 horas e unha ruta ao Pazo de Liñares (26 de xullo, 11.45 horas), visitas ao Museo Etnográfico “Casa do Patrón”, unha foliada intercultural no albergue serán algunhas das actividades nas que tomarán parte ao longo destes días.

O aloxamento e a maioría das comidas faranse no albergue municipal “Vicente Agulló” de Mouriscade, se ben as ceas serán en casas de familias lalinenses colaboradoras.

19 de xullo de 2013 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.