5.600 metros lineais de marxes de camiños en marmancón foron limpados polo Concello de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, visitou esta mañá o lugar de Marmancón onde mantivo un encontro de traballo cos representantes veciñais para repasar os traballos de mellora e mantemento acometidos no lugar ao abeiro do Plan de Barrios, e que no seu conxunto suman unha valoración económica superior aos 8.800 euros. Na reunión coa directiva veciñal tamén participaron os concelleiros de Servizos e Zona Rural, Borja Carro e Jose Polo, respectivamente; así como os técnicos municipais supervisores dos servizos de mantemento de viarios, limpeza, pintado e sinalización, roces e limpeza de camiños, iuminación e abastecemento de auga.

No que atinxe ás intervencións feitas, Rey Varela coincidiu cos veciños en destacar a limpeza de marxes de camiños e cunetas, que afectaron a un total de 5.626 metros lineais. O primeiro edil da cidade explicou que estes traballos de roce continuarán a vindeira semana co obxectivo de completar zonas pendentes; e que tamén seguirán o próximo luns as tarefas de reparación de fochancas. Neste último aspecto, nesta semana leváronse a cabo unha ducia de actuacións de aglomerado asfáltico na estrada de Papoi, en dirección ao Agro. Así mesmo, e no que atinxe ao pintado e sinalización, queda pendente a instalación de espellos que se fará nos vindeiros días.

Outras actuacións acometidas ao abeiro do Plan de Barrios en Marmancón foron: Lavado e baldeo de toda a parroquia, con especial atención á pista polideportiva, ao  lavadoiro de Río Grande, á zona do local social e ás marquesiñas de autobús; reparación e substitución de colectores de lixo; en iluminación repuxéronse tres difusores en mal estado; e en subministro de auga procedeuse á revisión de válvulas, arquetas e bocas de riego; e se fixeron varios controis de calidade.

Saneamento

Así mesmo, e como ven sucedendo en cada unha destas visitas á zona rural para repasar as actuacións do Plan de Barrios, o alcalde e o xerente de Emafesa, Alejandro Pisa, explicaron aos veciños de Marmancón a proposta de saneamento. A actuación nesta parroquia enmárcase na conca de Covas-Esmelle. O responsable de Emafesa explicou que as augas residuais deste núcleo de Marmancón irían á estación depuradora proxectada para Covas e Esmelle, onde o investimento previsto para contar con saneamento ascende ao redor de 3 millóns de euros. Rey Varela sinalou que o obxectivo do Concello de Ferrol é deixar listo neste mandato o proxecto final de saneamento do rural, de tal xeito que do que se trata agora é de presentalo aos veciños para que o coñezan e despexar as dúbidas que poidan ter e co propósito de acometer as obras no seguinte cuadrienio.

5 de xullo de 2013 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.