450 escolares participan no programa de actividades de verán que organiza o Concello de Ourense
450 escolares ourensáns de Primaria participan durante o presente mes de xullo no programa de actividades de verán que organiza, un ano máis, a Concellería de Educación. Este é un servizo que o Concello pón á disposición das familias ourensás coa finalidade de proporcionar aos nenos a posibilidade de participar en propostas lúdicas e formativas para o seu tempo de vacacións, ao tempo que axudar a nais e pais a conciliar a súa vida familiar e laboral durante estes meses de verán.
O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, e a concelleira de Educación, Ana Garrido visitaron esta mañá un dos espazos que acollen este programa municipal: o CEIP Curros Enríquez, onde 60 nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, de diferentes centros educativos participan nas actividades que se desenvolven durante todo o mes de xullo, de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas.
Tres monitoras imparten clases dinámicas de inglés, danza e animación á lectura para os nenos. O programa se complementa coa realización de saídas didácticas programadas, como as que achegarán aos nenos e nenas ás dependencias da Policía Nacional os días 9 e 10 de xullo e ó Castro de San Tomé o 19 de xullo.
O programa de actividades que se desenvolve en centros educativos conta coa participación doutros 180 nenos: 60 deles no CEIP A Ponte, e outros tantos nos CEIP O Couto/Greco e Irmáns Villar.
Música, teatro, medio ambiente e animación á lectura
O programa de actividades de verán que organiza a Concellería de Educación inclúe tamén outras propostas, como
– Obradoiros de música e teatro. Desenvólvense na Escola Municipal de Música e das Artes Escénicas, coa participación de 50 nenos no grupo de Música e outros 20 no de teatro.
– Actividades relacionadas coa Natureza e o Medio Ambiente, na Aula Municipal de Natureza do río Miño, en Oira, con 50 nenos, en horarios de mañá e tarde.
– Actividades de animación á lectura, nas bibliotecas municipais de A Carballeira, San Francisco e A Ponte, e o punto de lectura infantil de O Couto. Neste caso, están a participar 90 nenos desde 4 anos ata 10 anos.
Esta actividade, e as da Aula de Natureza continuarán tamén durante o vindeiro mes de agosto.
Actividades nos centros cívicos
Tamén coa finalidade de axudar á conciliación da vida familiar e laboral e ofertar propostas interesantes para os nenos durante as vacacións, o Concello de Ourense organiza tamén un programa de actividades na rede de centros cívicos municipais, no que participan este verán un total de 281 escolares de Educación Infantil e Primaria.
Dende comezos de xullo ata o 31 de agosto, os Centros Cívicos de A Ponte, Colón, A Cuña, As Termas e Seixalbo acollen obradoiros nos que os nenos participan en actividades de carácter lúdico como manualidades, contacontos, bailes ou xogos, entre outras.











