publicidade hoxe

350 mozos participarán no campamento xuvenil Penedos de Xacinto, en Entrimo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaEntrimoLocalXuventude
A-
A+

O delegado territorial da Xunta subliñou que a Dirección xeral de Xuventude e Voluntariado aumentou as prazas para participar nas actividades da campaña de verán e ampliou o número de instalacións

Rogelio Martínez visitou hoxe os participantes da actual quenda de idades comprendidas entre os 9 e 11 anos

Durante os once días desenvolverán actividades de teatro e aventura.

Na campaña de verán organizada pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, este ano ofértanse un total de 785 prazas na provincia de Ourense, 245 máis que o anterior, para que mozos e mozas de entre 9 e 35 anos participen nestas actividades de educación non formal. O departamento autonómico inviste case 2,3 millóns de euros no total galego.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, subliñou a aposta do Goberno galego para manter a oferta destas actividades, e mesmo o seu incremento, fronte a outras comunidades autónomas que suspenderon estas actividades. En Ourense tamén se amplía o número de instalacións nas que se ofertan prazas de campamentos , incluíndo 3 novos albergues respecto ao ano anterior. Así, ao campamento xuvenil “Penedos de Xacinto” no concello de Entrimo e á Residencia “Florentino López Cuevillas” da capital, súmanse nesta campaña á Estación de montaña Manzaneda; o albergue xuvenil “Vilar de Ordelles”, no concello de Esgos; e o Centro de Educación ambiental Equal, no concello de Coles.

Teatro e aventura na natureza

Rogelio Martínez, acompañado do xefe territorial de Traballo e Benestar, José Selas, visitou esta mañá no campamento xuvenil Penedos de Xacinto, na localidade ourensá de Entrimo, os 100 nenos e nenas, de idades comprendidas entre os 9 e os 11 anos, que participan na primeira quenda de xullo.

Durante a súa estadía en Entrimo os rapaces poderán participar en actividades de teatro e aventura na natureza que inclúen clases de dramatización, expresión corporal e desinhibición; obradoiros de formación e observación; ensaios e propostas teatrais; técnicas de circo; malabares e equilibrio; ademais de piscina.

Ao longo de todo o verán por este campamento de Entrimo pasarán máis de 350 mozos e mozas para participar en actividades de teatro, aventura na natureza e deporte.

11 de xullo de 2013 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.