30 persoas rematarán os itinerarios de inserción laboral “operacións básicas de cociña” e “xerocultor/a especializado/a en actividades rehabilitadoras”
Un total de 30 persoas desempregadas que participan nos itinerarios de inserción laboral “Operacións básicas de cociña” e “Xerocultor/a especializado/a en actividades rehabilitadoras”, enmarcados no proxecto “Ferrol punto de emprego II” posto en marcha polo Concello de Ferrol, rematarán a súa formación a finais do presente mes de xullo. Esta iniciativa do Goberno Municipal está cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE) e ten como obxectivo proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.
A acción formativa de cociña, cunha duración total de 480 horas, deu comezo o pasado 11 de marzo e se prolongará ata o vindeiro 31 de xullo. Os quince desempregados participantes neste curso comezaron o pasado día 1 de xuño o módulo de práctica profesional titorizada en empresas, composto por 180 horas de práctica en empresas do sector de hostalería e de restauración colectiva. Nesta ocasión, as empresas colaboradores foron as seguintes: Serunión Servicios S.L (cociña Residencia Geriatros-Ferrol); Clece S.A. (cociña Centro de Atención a Persoas con Discapacidade Souto de Leixe de Ferrol); Servicios Hosteleros Emai S.A. (cafetería Hospital Arquitecto Marcide); Jardanay S.L. (cociña e comedores de Inditex no polígono industrial de Río do Pozo); e as empresas de hostalería Pizzas Sigrás S.L. “Green Nacion” , Bruno y Begoña S.L. “El Mercado”, Nantes, Coffee and Drink, e Piacery by Nantes.
Por outra banda, o itinerario socio-laboral “Xerocultor/a especializado/a en actividades rehabilitadoras” que comezou o pasado 14 de maio, prolongarase ata o vindeiro 26 de xullo. O curso, cunha duración total de 255 horas, iniciou o pasado 3 de xuño o módulo de práctica profesional titorizada en empresas. Así, as quince persoas desempregadas participantes neste itinerario realizan as 160 horas de práctica profesional na Residencia de persoas maiores de Laraxe (Grupo Geriatros).











