28 rapaces, de entre 4 e 14 anos, participaron no IV campus de verán de Oroso e a Fundación Celta de Vigo

Participantes no campus
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, e o concelleiro de Deportes, Luís Rey Villaverde, clausuraron a cuarta edición do Campus de Verán do Real Club Celta de Vigo, celebrado no campo municipal Lino Balado (Sigüeiro) do 1 ao 6 de xullo e no que participaron un total de 28 rapaces, de idades comprendidas entre os 4 e os 14 anos.
Manuel Mirás amosouse “moi orgulloso do funcionamento do fútbol base en Oroso” e de iniciativas como este campus, que cada ano organiza o Concello de Oroso coa Fundación Celta de Vigo. Mirás Franqueira felicitou ao coordinador da Zona Norte das Escolas e Campus da Fundación Celta de Vigo, Hugo Rama, “por ensinarlles aos pequenos os conceptos técnicos e tácticos do fútbol pero, sobre todo, por inculcarlles os valores do compañeirismo, a deportividade, o traballo en equipo… que son incluso máis importantes pois, como sempre digo, o deporte fainos mellores persoas”.
Novas instalacións
Pola súa banda, Luís Rey agradeceulles aos pais e nais “os sacrificios que facedes para que os vosos fillos practiquen deporte”. Tamén lle agradeceu ao alcalde orosán a súa aposta polo deporte e por crear as infraestruturas precisas para practicalo, como demostra o novo pavimento instalado no pavillón polideportivo de Sigüeiro, onde se celebrou a entrega de diplomas acreditativos aos participantes no campus. Un pavillón no que o Concello de Oroso vén de investir preto de 30.000 euros para o pintado interior da instalación e a substitución do seu pavimento por unha nova superficie antideslizante ideal para a práctica de todo tipo de actividade deportiva.
Todos os rapaces e rapazas participantes recibiron unha equipación composta de camiseta e medias da marca oficial do Celta. Os pantalóns chegarán esta semana, debido a un problema de subministro común a todos os campus do Celta. Hugo Rama explica que ao longo desta semana “traballamos conceptos técnico tácticos, coordinación psicomotriz, multideportes e fútbol. Tamén fixemos competicións entre os rapaces e falamos dunha alimentación san e de prevención de lesións para todo tipo de deportes”.











