25 mozos de Ferrol están a participar no curso de monitor de tempo libre

Visita do rexedor ao curso de monitores
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, e a concelleira de Igualdade e Xuventude, Verónica Casal Míguez, visitaron este mediodía ao alumnado que participa no programa de formación de monitores de tempo libre que dende a xornada de onte e até o vindeiro 8 de agosto se desenvolve nas instalacións municipais da Casa da Xuventude. Un total de 25 mozos e mozas da cidade asisten a este curso para sacarse un título que lles capacitará para deseñar, programar, poñer en práctica e avaliar actividades para o tempo libre e socioculturais orientadas para a atención da infancia e da xuventude, así como de persoas maiores ou con necesidades especiais.
Neste sentido, Rey Varela subliñou que os alumnos/as que completen o curso poderán empregarse nas actividades de ocio que se desenvolven dende a Concellería de Igualdade e Xuventude. Así mesmo, animounos a que presenten as súas propias propostas e proxectos de cara á vindeira edición de Ardora, o programa de ocio xuvenil posto en marcha pola Administración ferrolá.
Pola súa banda, a edil Casal Míguez explicou que este itinerario formativo conta con dúas partes: a fase teórico-práctica, cunha duración de 200 horas e que se desenvolverá tanto nas aulas da Casa da Xuventude como ao ar libre; e a parte práctica, de 150 horas de duración e que se realizará nos campamentos urbanos de verán. Así, ao remate da súa formación, poderán traballar en centros socioculturais, asociacións xuvenís, campamentos urbanos e de verán, albergues, colexios e actividades extraescolares, escolas infantís, garderías, puntos de atención á infancia ou empresas de lecer e tempo libre, de animación ou turísticas.











