21 aspirantes concorren á praza de arquitecto técnico convocada polo Concello da Laracha
O Concello da Laracha publicará nos próximos días o listado provisional de persoas admitidas e excluídas no proceso de selección dun funcionario interino que ocupará unha praza de arquitecto técnico.
As bases do procedemento foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) número 118 do pasado día 21 de xuño. Unha vez superado o prazo establecido para presentar as solicitudes de participación no proceso selectivo, son 21 o número total de aspirantes.
Trátase dun concurso-oposición, polo que a primeira fase consistirá en tres probas eliminatorias consistentes nun exercicio teórico, outro práctico e o referido ao dominio do idioma galego. Na segunda fase valoraranse os méritos académicos e profesionais.
O Concello da Laracha convocou esta praza de arquitecto técnico –que está incluída na relación de postos de traballo- co obxecto de facilitar a actividade urbanística e axilizar a tramitación dos asuntos municipais deste departamento.











