publicidade hoxe

200 pequenos buscan o tesouro pirata en Acea de Ama nos campamentos urbanos que organiza o Concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+

Os campamentos urbanos de verán que leva a cabo o Concello de Culleredo saíron hoxe dos colexios e trasladáronse ao parque de Acea de Ama, xuntando así os participantes de todas as idades. O motivo: a busca dun tesouro pirata escondido no recinto.

Para encontralo, os 200 participantes tiveron que achar os diversos anacos de mapa. Cada un obtivérono superando unha proba, na que os viandantes debían colaborar cos pequenos. Así, púidose ver veciños bailando o baile do polo ou deixándose dar un abrazo para axudar aos pequenos. A concelleira de Educación, Carmen Varela, tamén presente na actividade colaborou cos participantes dirixíndoos no Gangnam Style.

O goberno de Culleredo estruturou os campamentos en diferentes quendas de datas e de diferente duración, habendo dende campamentos dunha semana ata de cinco, e por diferentes franxas de idade. Este ano rexistrouse unha maior demanda para as quendas de cinco semanas, que son os que acaban de arrancar.

Coa actividade de hoxe, o Concello reuniu a todos os participantes, de todas as idades. Para algúns serviu como colofón ao campamento dado que remataba a súa quenda. Ademais, serviu para promover un lugar de esparexemento único e que se encontra no municipio, como o
parque de Acea de Ama.

Varela destaca o importante “papel de conciliación e de ocio saudable e educativo” que adoptan os campamentos que organiza o Concello de Culleredo. No proceso de matrícula se logrou que entrasen todos os solicitantes empadroados en Culleredo e con ambos os dous pais ou
representantes legais traballando, conseguindo así a primeira das finalidades.

12 de xullo de 2013 | 19:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.