17 profesores da Unión Europea reciben un curso sobre ciencia e arte dentro do programa educativo municipal ‘Coruña no mundo’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

A Concellaría de Educación informa de que mañá, martes 2 de xullo, 17 docentes da Unión Europea, participantes por terceiro ano consecutivo no proxecto europeo Sócrates, visitan a cidade dentro do programa educativo municipal Coruña no mundo.

O curso, que durará seis días, formará por medio dunha metodoloxía práctica e participativa as relacións entre bioloxía e arte, literatura e matemáticas, mulleres e física e en xeral sobre outros aspectos clave do desenvolvemento da creatividade na ciencia e na arte.

As diferentes actividades consisten en formar estes docentes nos aspectos básicos da relación existente entre arte e ciencia co fin de que adquiran a metodoloxía para que as súas alumnas e alumnos vexan a profunda relación entre dúas disciplinas aparentemente tan distantes e non obstante tan próximas.

O programa de actividades para estes docentes especializados en matemáticas, física, química, ou ciencias naturais e ambientais foi preparado e organizado polo Instituto de Ensino Secundario Urbano Lugrís en colaboración con Sotavento e os Museos Científicos Coruñeses.
Por outra parte, este programa europeo axuda a divulgar os lugares Patrimonio da Humanidade en Galicia como son A Coruña, coa Torre de Hércules, Santiago, coa Catedral de Santiago ou Lugo coa súa Muralla romana.

1 de xullo de 2013 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.