publicidade hoxe

Xunta e Concello de Culleredo mellorarán a estrada AC-215 ao seu paso polo municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Culleredo para a execución de melloras na estrada AC-215 Fonteculler (AC-211) – O Portádego (N-550) ao seu paso polo municipio de Culleredo.

A consellería dirixida por Agustín Hernández, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI),  tramitará o expediente para a transferencia da titularidade dun treito de 800 metros da estrada autonómica a prol do concello, situado entre os PQ 0+000 a 0+800.

Ambas administracións ven preciso solucionar a carencia de beirarrúas que presenta nese treito a AC-215 na marxe esquerda e nun pequeno tramo na orixe da marxe dereita ao seu paso polo municipio de Culleredo, así como o problema de recollida de augas pluviais.

Para o desenvolvemento destas actuacións a AXI achegará un orzamento de ata un máximo de 170.000 euros, e o concello deberá asumir as obrigas económicas que excedan deste importe, e levar a cabo todas as actuacións necesarias para a correcta licitación e execución das obras.

Compromiso coa mobilidade

A Consellería de Medio Ambiente ten coma obxecto con esta actuación cumprir os obxectivos do Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica, Plan MOVE, o cal contempla a mellora das condicións de accesibilidade e da mobilidade das persoas, promovendo contornos urbanos seguros, co fin de que se reduza a probabilidade de que se produzan accidentes.

27 de xuño de 2013 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.